martes, 6 de marzo de 2012

2º ESO NA NEVE. VALGRANDE PAJARES 2012

1
Saímos do instituto ás 12:00 da mañá o luns día 30 de xaneiro. Déronnos unha serie de instrucións e consellos sobre a roupa que tiñamos que levar, entre outros: levar gafas de ventisca e de sol, aínda que se utilicen en épocas opostas do ano; levar roupa de inverno, obviamente; tamén nos dixeron que non levásemos maletóns, aínda que a roupa de inverno ocupe moito...
Nada máis chegar xa nos istalamos no ''Hotel-albergue Toribión de Llanos''. A nosa rutina diaria era a seguinte: erguiámonos ás oito da mañá e na media hora seguinte vestiámonos e faciamos as camas para ás 8:30 baixar a almorzar leite con biscoito, zume de laranxa, cereais, torradas e uns chococrispis que perdían o choco- e quedábanse en -crispis ao estar moito tempo na cunca... De 11:30 a 14:30 asistiamos ás clases de esquí. Os esquís, bastóns, botas e cascos repartíronnolos entre o luns e o martes. As botas foron o único obxecto con preferencia diante dos radiadores da calefacción, que, pola noite, tiñan de todo enriba.
Ao rematar as clases, xantabamos no piso superior da cafetería que estaba a pé de pista.
Pola tarde faciamos actividades diversas, como, por exemplo: a tarde do xoves fomos ata unha pendente e tirabámonos cunha ''tixola”, que resultou un tanto inútil, xa que cando comezabas a deslizarte levábala debaixo do cu, e cando chegabas abaixo, chegabas a rebolos e coa ''tixola” na man. Polo visto, a pendente que collemos estaba moi ben, só tiña unha pega: ao lado había un farol cun sinal que tiña un trineo tachado...
Outro día fomos ao MUMI (Museo da Minaría e da Industria), onde fixemos unha breve ruta turística polo interior dunha mina; ensináronnos a evolución das minas, en xeral. Botámoslle unha ollada á maquinaria, aos métodos de comunicación, e incluso aos materiais cos que se facía a estrutura para evitar os derrubamentos.
Os monitores eran do que non hai, todo sexa dito. Chamábanse Iago e Diana, e tampouco se libraron das clases de esquí. Por parte do noso instituto acompañounos Alejandro, a quen desde aquí lle agradecemos que viñese con nós, senón non habería excursión. Os monitores organizáronnos uns xogos e actividades que distribuían nas veladas nocturnas de despois da cea.
A viaxe de volta, no autobús (que desde o día seguinte da nosa chegada xa se convertera nun carambelo de xeo), foi tranquila, posto que o xoves houbo quen nin sequera durmiu. Igual ca na ida, na volta puxeron películas. Cando o autobús xa estaba diante do ICC, collemos as maletas e puidemos observar que o xeo que tapaba o autocar xa se derretera completamente. Era venres e quedábanos unha fin de semana enteira para repoñe-lo sono atrasado.
SARA FERNÁNDEZ COSTAS (2º ESO A)

2

O día 30 de xaneiro, ás 12:00, o autobús recolleunos diante do instituto; alí coñecimos os monitores: Diana e Iago. Foi unha longa viaxe, protagonizada por risas, sono e unha aplastante diversión. Ó chegar repartimos os cuartos e déronnos o equipo de esquí. Levantabámonos todos os días ás 8:00 e, a continuación, asistiamos ás clases de esquí. Despois de cear, faciamos unha velada nocturna, onde o que non faltou foi vergonza. O último día, a gran maioría non durmiu, polo que a viaxe de volta foi moi tranquila.

ALBA COBO (2º ESO B)


















lunes, 5 de marzo de 2012