Mostrando entradas con la etiqueta Sostibilidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Sostibilidade. Mostrar todas las entradas

domingo, 16 de noviembre de 2014

O noso IES representa a Galicia na CONFINT




Catro alumn@s de 4º da ESO do IES Carlos Casares de Vigo representan a nosa Comunidade Autónoma na II Conferencia Estatal de mozas e mozos:
Coidemos o Planeta (Confint) que se celebra en Barcelona do 12 ao 15 de novembro. 
Confint é un proceso de educación ambiental que traballa a dimensión local e global da crise medioambiental desde biodiversidade, cambio climático, paisaxe...
Nesta II Conferencia poñerase de manifesto o compromiso da xuventude coa sostibilidade de Galicia, tema que no
Carlos Casares vén sendo traballado xa desde o ano 2007. 

E... que fixeron Adrián, Laura C., Laura M. e Marta?
Primeiro presentaron un mapa cos problemas medioambientais de Galicia. Explicaron como traballamos na nosa Comunidade con iniciativas como o Plan Proxecta da Consellería de Educación  en colaboración coas de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e Medio Rural e do Mar. E despois fixeron un percorrido polo traballo realizado no instituto estes anos, a través de proxectos interdisciplinares e cooperativos, especialmente nos últimos  catro  cursos, desde que el@s chegaron ao centro. 



Máis información aquí.

domingo, 29 de junio de 2014

"O MONTE VIVO" DENTRO DOS NOSOS PLANS PROXECTA

Os obxectivos deste programa inserido dentro do PLAN PROXECTA son fomentar a participación activa e responsable dos escolares na protección do medio natural fronte aos incendios forestais, permitindo que tomen conciencia dos valores dos bosques, o seu uso sostible e a contribución á protección da biodiversidade.
O programa céntrase en incrementar a concienciación sobre os incendios forestais e a súa influencia sobre o equilibrio ecolóxico, as perdas que supón en canto a diminución da biodiversidade, da capacidade produtiva do monte, da calidade das augas, do ocio...

O obxectivo principal do noso proxecto foi fuxir da visión idílica da natureza e salientar a necesidade de intervención e xestión do medio; procurar un equilibrio entre conservación, economía e uso do territorio prestando atención á perda de recursos naturais e económicos tras un incendio forestal.

Realizamos a toma de conciencia a través da  motivacion e a emoción. Dende a educación artística buscamos unha comprensión emocional da contorna " Hai que vivir os espazos, sentir como se pechan arredor nosa" (Ramussen, 2000). Traballando a partir de imaxes fixas non podemos facer noso un espazo. Os espazos son para seren vividos, non só contemplados. 

Visitamos a instalación "A imaxe arde" (Lois Patiño). O artista colócanos ante unha imaxe de lume constantemente reinterpretada nunha estancia totalmente escura e con sons que fan que nos relacionemos coa imaxe afianzando o seu significado: o son do lume, abstracción electrónica, reconstrución sonora ... e mesmo o silencio.
O alumnado sitúase en solitario fronte ao lume e pode sentir o perigo, a imaxe sen forma, a sucesión de fulgores no baleiro da noite, hipnótica, atrapando a súa mirada.

Ademais das actividades e saídas relacionadas co programa, consideramos que é importante que o alumnado tome conciencia das desastrosas consecuencias que implica un incendio no monte. Por este motivo, na materia de Ciencias da Natureza decidimos dedicarlle varias sesións para poñer de relevo a importancia dos nosos ecosistemas, non só formadores de paisaxe, senón outros moitos aspectos iguais ou mesmo máis graves: a dimensión medioambiental, a dimensión social, a económica e mesmo a meramente patrimonial.

Os alumnos e alumnas de 2º ESO A veñen de realizar un vídeo imitando o teatro de sombras no que expoñen as perdas de recursos sociais, patrimoniais, ecolóxicos e económicos que se derivan tras dun incendio.





O 7 de maio visitamos a base da Brigada helitransportada do Campiño. Fomos recibidos polo responsable da mesma quen, xunto con outros integrantes do seu equipo, nos amosou as instalacións e o equipamento do que fan uso nos numerosos incendios que anualmente teñen lugar na nosa comunidade. Logo da visita e das pertinentes e amenas explicacións, proxectáronnos unha reportaxe da mesma brigada en plena acción durante un incendio, seguida dunha charla na que o alumnado participou con comentarios e preguntas dirixidas aos protagonistas da reportaxe, os cales salientaban a enorme perda, tanto económica como de recursos, que supón cada un dos incendios que o noso monte ten que aturar.
En definitiva, foi un día moi instrutivo pois cremos que supuxo unha aproximación e un enfoque diferente a esta praga que nos ataca todos os anos.


Alfredo Couceiro (responsable da base helitransportada do Campiño) deixou claro ao noso alumnado, con didácticas similitudes axeitadas para a súa idade, a ingratitude do lume e o traballo de prevención que a brigada fai durante todo o ano.
 Un grupo de alumnos e alumnas de 2º ESO A plasma a impotencia do paso adiante e paso atrás ("Penélope", DÍAZ CASTRO) coa seguinte curta: 





ALMUDENA LACOMBA MARURI