lunes, 1 de diciembre de 2008
LEMBRANZA DE RAMIRO FONTE
LEMBRANZA DE RAMIRO FONTE
ANTIGO PROFESOR DO NOSO CENTRO
Na mañanciña do 11 de outubro faleceu no hospital de Bellvitge, en Barcelona, o escritor Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957), un dos poetas máis significativos das letras galegas contemporáneas. Dende o 23 de setembro estaba internado na devandita
institución hospitalaria, loitando contra unha longa enfermidade.
“Perdemos un amigo, mais tamén unha das figuras máis sobranceiras da literatura galega do noso tempo”, comentou César Antonio Molina, ministro de Cultura.
RAMIRO FONTE deuse a coñecer como poeta no colectivo Cravo Fondo, a finais dos anos setenta, e participou na fundación da revista Dorna. En 1983 publicou o seu primeiro libro As cidades da nada. Outros títulos significativos seus foron Pensar a tempestade (1986), O cazador de libros (1997), Capitán Inverno (1999)... En 1984 recibira o Premio da Crítica de Galicia e o Premio Losada Diéguez (Designium), e en 1988 o Premio da Crítica española polo libro Pasa un segredo. Con Mínima moralidade foi recoñecido en 1988 co Premio González Garcés, e en 1991 obtivo o Premio Esquío polo seu poemario Adeus norte.
A súa obra foi rica e extensa: doce títulos de poesía, oito libros de narrativa e ensaios. A súa triloxía Vidas da infancia propón un percorrido polo seu tempo e a súa xeración, páxinas cheas de evocación, sentido literario e esixencia poética. Tamén foi editor de poetas como Celso Emilio Ferreiro, Luís Pimentel e Ramón Cabanillas. Era membro correspondente da Real Academia Galega. Desde o 2005 viña desempeñando o posto de director do Instituto Cervantes en Lisboa.
Máis sobre esta noticia.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario