viernes, 30 de noviembre de 2012

OBRADOIRO DE CIENCIAS PARA 1º ESO

 

Os nosos bosques

ORGANIZACIÓN:
Servizo de Normalización Ling. do Concello de Vigo
Equipo de Normalización Ling. do instituto
Departamento de CCNN: Marta Freijedo Pérez


A través dos froitos de outono, toros, follas, liques, aromáticas ou bugallos o noso alumnado de 1º de ESO aprendeu a distinguir e coñecer as árbores propias e alóctonas galegas. O obxectivo era comprender os bosques que poboan o territorio galego. A toponimia, a antroponimia e a sinonimia tiveron un espazo salientable neste obradoiro.








 

jueves, 22 de noviembre de 2012

OS 3os. da ESO RENDEN HOMENAXE A CARLOS CASARES NA FUNDACIÓN PENZOL

Organizado pola Fundación Carlos Casares, a Fundación Penzol e mais polo Equipo de Normalización e a Vicedirección do centro, hoxe o alumnado de 3º da ESO rendeu homenaxe a Carlos Casares con motivo do seu décimo cabodano na Biblioteca Penzol da Casa da Cultura de Vigo.
Reunímonos alí, como representantes do IES Carlos Casares de Vigo, cunha representación do outro instituto de Galicia coa mesma denominación, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, representado por tres alumnas e mais polo seu director e o seu vicedirector.
No acto interviron, por parte da Fundación Fermín Penzol o seu director, Francisco Domínguez, quen a través dun power point amosou sucintamente a vida e o legado de Fermín Penzol. Posteriormente saudou aos presentes Valentín García, director xeral de Política Lingüítica da Xunta de Galicia e, finalmente, deu a benvida Gustavo Garrido, director da Fundación Carlos Casares.
Seguidamente as alumnas do IES CC de Viana do Bolo deron lectura a varios documentos: unha pequena biografía de C. Casares, unha carta de Carlos Casares lembrando o seu paso por Viana e mais unha emotiva carta de ex-alumnos de Carlos.
O noso alumnado fixo unha lectura dramatizada dun conto de Casares da súa obra Vento ferido, "A rapaza do circo", lida por Lucía P., Salomé, Laura J. , Raquel, Alba C., Adrián, Isaac e Roi; logo leu Alejandro un artigo xornalístico tamén de Casares; todos eles son de 3º ESO B. Fixérono moi ben e conseguiron un silencio absoluto do público asistente que os ovacionou acaloradamente.
O acto deu cabo cunha visita guiada polas distintas dependencias da Fundación: visita dos fondos bibliográficos da biblioteca, visita da reconstrución do gabinete de Ramón Piñeiro e a súa sonada "mesa camilla" e do pequeno museo de Francisco Fernández del Riego (don Paco), fundamentalmente da súa pinacoteca.
Tiveron ocasión de ver tamén pergamiños moi valiosos e incunables e obras de moito interese para a cultura galega.
Velaquí unhas fotos do evento.
[Consultade aquí a noticia en La Voz de Galicia:













martes, 20 de noviembre de 2012

OBRADOIRO DE CANTIGAS GALEGO-PORTUGUESAS MEDIEVAIS

Hoxe, o alumnado de 3º B asistiu a un obradoiro sobre cantigas galego-portuguesas medievais, actividade organizada polo Equipo de Normalización e mais pola Vicedirección do centro ao abeiro das actividades que oferta o Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo.
A verdade é que o pasaron ben... Tiñan idea de que as cantigas medievais galego-portuguesas era un tema aburrido, pero BRAIS FERNÁNDEZ conseguiu enganchar os rapaces e metelos no xogo das estruturas paralelísticas e do leixaprén. Algúns mesmo semella que se van afeccionar a rapear e compoñer cantigas, dado o interese que amosaron.







lunes, 12 de noviembre de 2012

RAP DO BO NO ICC. VISITA DE AID



Claro que a xente coñecía a AID, e logo non a ían coñecer! É unha das rapeiras de máis sona de Galicia e, por suposto, da nosa cidade, Vigo, lugar onde naceu tan só hai 22 anos. Ah!, e non só fai rap, estuda Teleco, foi grafiteira, traballou na radio... Tamén editou no pasado mes de xuño o libro-CD Rapoemas, onde versiona a ritmo de rap e de música urbana clásicos da literatura galega como Rosalía de Castro, Manuel Antonio, Curros Enríquez ou Álvaro Cunqueiro.  


Pois todo este portento estivo hoxe no noso instituto ensinándonos primeiro o que é o rap, de onde procede, cando comezou e, por suposto, tamén estivo ensinándonos a rapear. E había rapazas sobre todo que se vía que controlaban o tema, mesmo compuxeron unhas cantas estrofas para rapear.
Esta actividade estivo organizada pola Concellería de Normalización do Concello de Vigo en colaboración co Equipo de Normalización e a Vicedirección do noso centro.