jueves, 22 de noviembre de 2012

OS 3os. da ESO RENDEN HOMENAXE A CARLOS CASARES NA FUNDACIÓN PENZOL

Organizado pola Fundación Carlos Casares, a Fundación Penzol e mais polo Equipo de Normalización e a Vicedirección do centro, hoxe o alumnado de 3º da ESO rendeu homenaxe a Carlos Casares con motivo do seu décimo cabodano na Biblioteca Penzol da Casa da Cultura de Vigo.
Reunímonos alí, como representantes do IES Carlos Casares de Vigo, cunha representación do outro instituto de Galicia coa mesma denominación, o IES Carlos Casares de Viana do Bolo, representado por tres alumnas e mais polo seu director e o seu vicedirector.
No acto interviron, por parte da Fundación Fermín Penzol o seu director, Francisco Domínguez, quen a través dun power point amosou sucintamente a vida e o legado de Fermín Penzol. Posteriormente saudou aos presentes Valentín García, director xeral de Política Lingüítica da Xunta de Galicia e, finalmente, deu a benvida Gustavo Garrido, director da Fundación Carlos Casares.
Seguidamente as alumnas do IES CC de Viana do Bolo deron lectura a varios documentos: unha pequena biografía de C. Casares, unha carta de Carlos Casares lembrando o seu paso por Viana e mais unha emotiva carta de ex-alumnos de Carlos.
O noso alumnado fixo unha lectura dramatizada dun conto de Casares da súa obra Vento ferido, "A rapaza do circo", lida por Lucía P., Salomé, Laura J. , Raquel, Alba C., Adrián, Isaac e Roi; logo leu Alejandro un artigo xornalístico tamén de Casares; todos eles son de 3º ESO B. Fixérono moi ben e conseguiron un silencio absoluto do público asistente que os ovacionou acaloradamente.
O acto deu cabo cunha visita guiada polas distintas dependencias da Fundación: visita dos fondos bibliográficos da biblioteca, visita da reconstrución do gabinete de Ramón Piñeiro e a súa sonada "mesa camilla" e do pequeno museo de Francisco Fernández del Riego (don Paco), fundamentalmente da súa pinacoteca.
Tiveron ocasión de ver tamén pergamiños moi valiosos e incunables e obras de moito interese para a cultura galega.
Velaquí unhas fotos do evento.
[Consultade aquí a noticia en La Voz de Galicia:













1 comentario:

Anónimo dijo...

Moi boa mañá