Co gallo da semana da ciencia, organizáronse dúas saídas: unha á Escola Técnica Superior de Enxeñería de Minas (CUVI), e outra a Tecnópole (a 12 Km de Ourense).
A primeira delas foi o xoves 14 de novembro. Explicáronnos as diferentes técnicas e os diferentes dispositivos que se usan nesa enxeñería, como poden ser os explosivos, cámaras térmicas e estacións topográficas, demostrando o seu funcionamento (dos explosivos só vimos vídeos, por sorte ou por desgraza).
Ademais de falar da enxeñería de minas, falaron de enerxías, máis concretamente da de combustión. Expuxéronnos o motor Stirling, un motor capaz de xerar suficiente enerxía como para abastecer unha casa, e que, ademais, aproveita a calor da combustión para calefacción ou auga quente.
Tamén explicaron os usos e propiedades dos distintos materiais existentes, adaptados ás necesidades das persoas: dende os materiais lixeiros e resistentes para aeronáutica ata materiais máis usuais como o vidro e o plástico. Como curiosidade, tivemos a oportunidade de ver como se fabrica a espuma que logo se utiliza nos asentos dos coches de Citroën e Peugeot. Orixínanse a partir da reacción de dous líquidos, que provoca que comecen a inchar coma un biscoito ata volverse un material sólido e esponxoso.
A segunda das saídas foi o venres 22. Esta constou de tres partes.
Na primeira, faláronnos dos superheroes. Do que teñen en común, dos seus fallos, e dalgunhas curiosidades sobre eles e sobre nós que algúns de nós descoñeciamos. Na segunda tivemos tempo dabondo para ver os proxectos que alumnos da ESO e de bacharelato de institutos da zona tiñan expostos nunha carpa fóra do edificio. Había algunhas cousas bastante interesantes, como un estudo da perda auditiva en alumnos e profesores dun instituto ou un sistema para alertar os condutores de que van en sentido contrario.
Na terceira e última parte vimos experimentos, a gran maioría en relación coa auga e coas propiedades desta. Isto vén a conto de que este é o ano internacional da cooperación na esfera da auga. Realizaron varios experimentos, de entre eles quero destacar un que basicamente era conseguir hidróxeno para despois comprobar que, en efecto, é inflamable; e outro no que, cunha vara de plástico (pódese facer cun bolígrafo Bic), cargada electricamente, conséguese desviar un chorro de auga.
Artigo: SERGIO FARALDO GRAÑA (1º Bach E)
Fotografía: MARCOS CALDAS SIMÓN (1º Bach E)