miércoles, 15 de enero de 2014

PROXECTO MONTENTÉRATE. CHARLA DA COMUNIDADE DE MONTES DE BEMBRIVE



O pasado venres 22 de novembro e dentro do PROXECTO MONTENTÉRATE, veu dar unha charla ao instituto unha rapaza que pertencía á COMUNIDADE DE MONTES DE BEMBRIVE, dependente á súa vez da ENTIDADE MENOR DE BEMBRIVE.


Tratou varios temas. Comezou falándonos dos cometidos que leva a cabo a comunidade de montes. Falounos despois do problema das estremas, lindeiros ou fitos, de como hai que ilas repoñendo e remozando para que sirvan de referencia. Comentou tamén a progresiva degradación do monte debido á construción de vías de comunicación como estradas ou autoestradas e como desde a súa entidade intentan paliar estes efectos negativos con repoboación de árbores autóctonas, nomeadamente de castiñeiros. Entre outras actividades que levan a cabo está a limpeza dos montes, a acomodación dos camiños, as podas...
Todas estas actuacións da entidade foinas amosando a través de fotografías.


Por último falounos da fermosa ruta do río Eifonso, duns seis quilómetros de percorrido, onde aínda se conserva unha enorme variedade de vexetación autóctona, así como de fauna. Falounos da beleza dos antigos muíños e fervenzas, da capela de San Cibrán, da súa carballeira e da sonada Festa dos Ramallos que alí se celebra todos os anos.





ANDREA ARAÚJO, NOELIA LAGO, ADRIÁN SÁNCHEZ, JUAN M. RODRÍGUEZ, SERGIO PÉREZ, JOSÉ M. RODRÍGUEZ e JAVIER ESTÉVEZ (3º ESO)

No hay comentarios: