martes, 29 de julio de 2014

Estreamos muro



As obras de arte  deben adquirir autonomía, evolucionar e transformarse no tempo á par da percepción do espectador que as contempla.
A arte contemporánea está moi unida á sociedade, é fugaz, necesita ser percibida rapidamente.
Espontáneas, activas e fugaces son a arte urbana e a arte da cultura xaponesa. O alumnado de 4º de ESO de Plástica, con Sara á cabeza, fai unha homenaxe a Banksy como o artista que mellor engloba a esencia do street art e colocan a súa figura anónima deixando a súa pegada no noso muro.
Irónico e crítico, Banksy quizais pasou de ser un artista de culto a un artista de moda pero na materia de Plástica interésanos o seu estudo como máximo expoñente da arte urbana. Realizaron a figura do graffiteiro con plantilla (ao xeito das súas primeiras obras) e as demais a man alzada segundo o estilo de Sara (amante do Manga). Como dixo Picasso "os grandes artistas copian, os xenios rouban" e Banksy parafrasea nunha das súas obras "os malos artistas imitan, os grandes artistas rouban". Rouban, inspíranse, customizan... para crear novas obras.

O Súper Perrrari no noso centro

A mediados de xuño o alumnado de plástica de 4º, con Isaac e Ramón á cabeza inmortalizaron no noso aparcadoiro o coche máis rápido dos autos locos (que nunca gañou ningunha carreira porque Pierre Nondouunha preocupábase demasiado por preparar trapelas para os outros participantes) e a Patán de vixiante do centro.

lunes, 28 de julio de 2014

NORABOA DE NOVO, RAÚL!!! NUNCA TAL VIMOS NO NOSO INSTITUTO!!!


O noso alumno RAÚL ALONSO (2º BACH), acaba de conseguir hai uns días unha MEDALLA DE BRONCE na OLIMPIADA MUNDIAL DE MATEMÁTICAS, celebrada este ano en Cidade do Cabo, República de Sudáfrica.

Isto é un non parar! Cantas veces tivemos que lle dar a noraboa a RAÚL? Innúmeras veces... A verdade, algúns levamos case desde que abriu as súas portas o noso instituto e nunca tal vimos... Non lembro alumno tan completo, como alumno e como persoa, por moito que soe a frase feita; e non o digo por dicir, foi alumno meu... 



Atlántico

jueves, 24 de julio de 2014

20 DE XUÑO: ESPLÉNDIDA XORNADA LÚDICA NAS FERMOSAS CÍES!!! REMATE FINAL, CURSO FINALIZADO!!!







A rapazada do 1º ciclo da ESO cumpriu co pactado: subimos ao faro grande, como xa é tradición, malia algúns (moitos...???) iren quedando polo camiño, non se sabe se por medo ás voraces gaivotas que protexían os seus niños ou por razóns máis recónditas e sospeitosas... O certo é que ao curuto do faro fomos chegando, afoutados e xa famentos.
Día espléndido de sol agradable... xantar mariñeiro, xogos na praia, sol ferinte... pero por fin demos rematado o curso. Comezan as vacacións do verán!!!

"OS RAPACES DE JUAN": ESPECIAL TEATRO FIN DE CURSO: SON UNS CRACKS!!!








Éche ben certo, xa se nos acaban os apelativos para este grupo de rapazas e rapaces dirixidos polo noso querido JUAN, que tantos anos leva con nós. Se o curso pasado xa nos deixaran abraiados, este curso aínda máis... e con cambios de rexistros, agora tamén suman vídeos... O espectáculo durou escasamente unha hora pero foi realmente excepcional, cada sketch mellor que o anterior: improvisacións... humor do absurdo... Estou por asegurar que dentro de pouco veremos a algúns destes rapaces ou rapazas actuando nalgunha compañía, ou se cadra acaban sendo actrices ou actores profesionais... De ser así, que llo agradezan a JUAN... aínda que eles valen o seu, eh!

miércoles, 23 de julio de 2014

ENTREGA DA XV EDICIÓN PREMIOS CARLOS CASARES



XV PREMIOS CARLOS CASARES
RELACIÓN DE TRABALLOS DE ALUMNAS E ALUMNOS PREMIADOS:

NARRATIVA:
1º PREMIO: “Se os animais falasen”. AUTORA: EILÚN DEL PAZO MOA (2º BACH D).
ACCÉSIT: “Para os amantes da alcoba”. AUTORA: DAFNE NOGUEIRAS LISTE (1º BACH E)

POESÍA:
1º PREMIO: “Noites”. AUTORA: EILÚN DEL PAZO MOA (2º BACH D).
ACCÉSIT: ANULADO por descubrirse despois do fallo do xurado que se trataba dun plaxio total.

MICRORRELATO:
1º PREMIO: “Corre!”. AUTOR: XIAN FARO RODRÍGUEZ (2º ESO A).

DEBUXO:
1º PREMIO (Ex aequo): “Conde Limoncio”. AUTORA: ANDREA CARRERA LAGO (1º BACH F).
1º PREMIO (Ex aequo): “Amapola”. AUTORA: MARIYA ILÍEVA PALIKARSKA (3º ESO B).
 ACCÉSIT: “Don Profiterol”. AUTORA: ANDREA CARRERA LAGO (1º BACH F).

CARICATURAS:
ACCÉSIT: “Zébre”: AUTORA: MARIYA ILÍEVA PALIKARSKA (3º ESO B).

CÓMIC:
1º PREMIO: “Kay”. AUTOR: CARLOS CABREIRA SÁNCHEZ (1º BACH E).

PORTADAS:
1º PREMIO: “A sardiña”: SARA FERNÁNDEZ COSTAS (4º ESO B)
ACCÉSIT: “Sandiá”: AUTORA: MARIYA ILÍEVA PALIKARSKA (3º ESO B).

RETRATO:
1º PREMIO: “Calamar”. AUTORA: EILÚN DEL PAZO MOA (2º BACH D).

ACCÉSIT: “Riquiños”: AUTORA: PAULA VILA SANJUÁN (1º BACH F).

1º ESO E PCPI ESTUDANDO A BIODIVERSIDADE DA ZONA DE BAIONA



O día 12  de maio, 1º da ESO e PCPI realizamos unha saída didáctica de organizada pola profesora MARTA do departamento de Ciencias Naturais, acompañada pola profesora SUSA.
Á mañá do luns marchamos ata praia América. Alí, empezamos a camiñar. Despois de andar un tempo, chegamos á parte baixa do Monte Lourido, no que observamos a convivencia entre paisaxe natural e humanizada. Nesta zona, atopamos árbores como eucaliptos e piñeiros, estes últimos, máis preto da praia. Tamén haibía gran cantidade de rochas, como xistos.

Xa nas marismas, vimos patos comúns e unha garciña branca, que non chegamos a identificar ben. Ademais, a nosa profesora Marta ensinounos algunha alga verde, como a leituga de mar.

Atravesamos todo o camiño da Ramallosa, algúns de nós, quedaban atrás, e tiñamos que parar numerosas veces para así volver xuntarnos.

Despois de moito andar, por fin demos con Praia Cuncheira, situada preto de Monterreal, Baiona. Alí puidemos merendar e descansar un chisco. Pero, a nosa profesora xa logo empezou a movernos: “ Dez que veñan comigo  ás rochas”. Despois que eses dez fosen coa profe, os demais quedamos na area, buscando cunchas, etc.
Atopamos moitas, e incluso esponxas e esqueletos de ourizos (moi fráxiles).
Cando tocou a nosa quenda, Marta falounos das actinias, dos ourizos... mentres os compañeiros, estaban máis atentos aos cangrexos, outros non obstante meteron o pé nas pozas “sen querer”.

Rematamos a parada en praia Cuncheira, tocaba coller o bus para visitar o paseo fluvial do río Fraga. Nesta zona, vimos fieitos, carrizas e numerosas flores, ademais de zapateiros e paxaros. Algúns, tiveron mala sorte, e picáronse con ortigas. Ao rematar o paseo, fixéronnos fotos de grupo. A verdade, foi a etapa máis aburrida (pero polo menos á sombra) da saída.

Sabiamos que faltaba menos para xantar, e regresar cara a praia América. Pero, quedaba moito camiño por diante...
Cando por fin chegamos ao parque da Ramallosa para comer, foi todo un alivio. A partir dese momento, as profesoras, deixáronnos por libre.

Estivemos un tempiño correndo por alí, na tirolina e nos aneis, nos que máis de un destacou, pero, tiñamos que seguir ata praia América...

Despois dun longo paseo, e moito sol, puidemos tirarnos na area e descansar. Ou correr. Ou tirar area. O caso é que só faltou nadar un pouco!


CLAUDIA ÁLVAREZ COSTAS, 1º ESO C