lunes, 21 de noviembre de 2011

VIDEOCONFERENCIA DIA DA CIENCIA EN GALICIA



Aplicacións da investigación xenética e o seu uso na práctica policial

O pasado venres día 4 de novembro, o catedrático en Medicina Legal Ángel Carracedo, ofrecía para todos os centros de Galicia unha vídeo-conferencia sobre os usos da xenética no ámbito policial co motivo da Semana da Ciencia en galego. Nesta conferencia, realizada en directo dende Brasil, o catedrático tocaba unha serie de puntos sobre este importante uso dos avances xenéticos na escena do crime.

Un dos principais puntos tocados na conferencia foi o das pegadas dactilares. É un método bastante coñecido pero á vez moi eficaz. Aínda que nos crimes planificados é moi difícil de atopar pegadas do criminal, serven de moita axuda todas as pegadas atopadas na escena que non sexan da vítima. Esta gran importancia das pegadas dáse porque non hai dúas persoas no mundo que teñan a mesma.

Outro punto a destacar tamén é o do sangue, xa que ao atopar restos de sangue que non pertenzan á vítima no lugar do crime, axuda en gran parte a resolver os casos, aínda que a importancia deste sexa menor cá das pegadas.

Pero actualmente, o rastro de ADN e ARN que máis axuda é o do pelo. A caída do pelo é algo practicamente imposible de controlar polos criminais, e a partir dun único pelo podemos determinar a idade, a cor de ollos, a cor de pel… e moitas máis características dunha persoa.

Estes avances axudaron a resolver dende casos tan “comúns” como asasinatos e desaparicións a casos tan complicados como os atentados do 11-M. Aínda así, a xenética non axuda unicamente en casos deste tipo, senón que tamén nunha gran cantidade de investigacións como por exemplo:

- Parentescos, xa que cunha soa mostra de ADN pódese deducir cal é o verdadeiro pai biolóxico dunha persoa.

- Identificación de cadáveres en descomposición ou xa descompostos.

- Reconstitucións do aspecto dunha persoa, xa que como dixemos antes, un único pelo nos permite saber a cor de pel e de ollos ou a idade dunha persoa (así como moitas características máis).

Aínda así, non debemos de esquecernos de que estas probas só nos aportan porcentaxes, sempre ou case sempre inferiores ao 100%, é dicir, cunha mostra podemos deducir a cor de ollos nunha persoa pero cunha probabilidade de, por exemplo, un 99,9999%, que sendo unha probabilidade moi alta, pode ofrecernos unha información equívoca no momento que menos nolo esperemos.

SAMUEL MARTÍNEZ ALONSO (1º BACH E)

sábado, 5 de noviembre de 2011

SAMAGOSTÍN 2011 NO ICC

De novo Samagostín. Moito medo non pasamos, iso non, pero a estas alturas da película xa non pretendemos pasar medo, soamente pasalo ben, recuperar algo a nosa tradición do Samaín e rematar cunha festa a primeira etapa do curso, o primeiro parón antes da ponte. Castañas non houbo tampouco, mágoa!, tamén perdemos esa tradición, pero seica ninguén se quería facer cargo de asar castañas. En fin... Polo menos seguimos mantendo a tradición das cabazas, algo tan tradicional na nosa Galicia. E desta vez presentáronse máis que nos anos anteriores: OITO! E non lles resultou doado aos membros do xurado decidir cal era a mellor. Finalmente, o premio foi para a cabaza que homenaxeaba ao recentemente falecido piloto de motos Marco Simoncelli.

De todos xeitos, seguimos tendo no instituto bos artistas, dos xa coñecidos e, menos mal!, novas promesas que asegurarán o lecer das festas. Os números musicais fixeron as delicias do auditorio abarrotado ata os ventiladores do fondo: os Ilustrados, as Bonecas, as Bruxas... Moito traballo para os disfraces e moito traballo para os ensaios e as coreografías. Chapeau!, rapaces. Se cadra, eran os comentarios, baixou este ano a calidade e a elaboración dos disfraces, pero en cantidade era semellante a edicións anteriores.

Conduciu o evento o noso presentador oficial, YAGO, que cada ano adquire máis táboas e soltura. Pero... haberá que ir pensando no relevo, pois este home vaise este curso... Ábrese o prazo para candidaturas...

A ver se o curso que vén participa máis xente e se traballan máis os disfraces!