sábado, 5 de noviembre de 2011

SAMAGOSTÍN 2011 NO ICC

De novo Samagostín. Moito medo non pasamos, iso non, pero a estas alturas da película xa non pretendemos pasar medo, soamente pasalo ben, recuperar algo a nosa tradición do Samaín e rematar cunha festa a primeira etapa do curso, o primeiro parón antes da ponte. Castañas non houbo tampouco, mágoa!, tamén perdemos esa tradición, pero seica ninguén se quería facer cargo de asar castañas. En fin... Polo menos seguimos mantendo a tradición das cabazas, algo tan tradicional na nosa Galicia. E desta vez presentáronse máis que nos anos anteriores: OITO! E non lles resultou doado aos membros do xurado decidir cal era a mellor. Finalmente, o premio foi para a cabaza que homenaxeaba ao recentemente falecido piloto de motos Marco Simoncelli.

De todos xeitos, seguimos tendo no instituto bos artistas, dos xa coñecidos e, menos mal!, novas promesas que asegurarán o lecer das festas. Os números musicais fixeron as delicias do auditorio abarrotado ata os ventiladores do fondo: os Ilustrados, as Bonecas, as Bruxas... Moito traballo para os disfraces e moito traballo para os ensaios e as coreografías. Chapeau!, rapaces. Se cadra, eran os comentarios, baixou este ano a calidade e a elaboración dos disfraces, pero en cantidade era semellante a edicións anteriores.

Conduciu o evento o noso presentador oficial, YAGO, que cada ano adquire máis táboas e soltura. Pero... haberá que ir pensando no relevo, pois este home vaise este curso... Ábrese o prazo para candidaturas...

A ver se o curso que vén participa máis xente e se traballan máis os disfraces!
























1 comentario:

Anónimo dijo...

por que non hay ningunha imaxe da actuacion dos rapaces de 3B? eu creo que deberin poñer o video da súa actuacion na paxina web ou en youtube