sábado, 1 de marzo de 2014

24 DE FEBREIRO: DÍA DE ROSALÍA












Auspiciados pola ASOCIACIÓN DE ESCRITORES EN LINGUA GALEGA, o noso centro, a través do Equipo de Normalización Lingüística e mais do departamento de Galego, colaborou na campaña de celebracións polo 177 aniversario do nacemento de ROSALÍA DE CASTRO que se levaron a cabo por todo o país. O noso alumnado de ESO acudiu aos campos de deporte a 2ª hora (3º e 4º) e mais a 4º hora (1º e 2º) para homenaxear a Rosalía recitando ao unísono por grupos algúns dos seus poemas máis emblemáticos. Algúns grupos de 4º e mais de 2º mesmo se atreveron a rapealos.
Paralelamente, un grupo de alumnos dirixidos pola nosa profesora de Plástica Almudena comezaban dous graffiti con motivos alusivos a Rosalía: un no muro exterior e outro na entrada da biblioteca.
[Cambiaremos as fotos dos graffiti actuais cando estes estean rematados]
Foi certamente emotivo o recitado de "Adiós ríos, adiós fontes" por parte das arredor de 300 voces realmente ao unísono na entrada do centro, ao onde finalmente nos desprazamos por mor da chuvia.
Cubriu esta noticia no noso centro a TVG e esa mesma noite, no programa "Zigzag" da 2ª canle da TVG pasaron unha pequena secuencia da actividade. Podedes vela picando neste enlace de embaixo. A noticia está entre os minutos 11:50 e 12:20 da emisión.


http://www.crtvg.es/tvg/a-carta/dia-de-rosalia-ana-romani-e-imaxe-e-realidade-de-fernando-pereira-a-saga-courtier-en-galicia

viernes, 28 de febrero de 2014

EXPO "CARTAS DE AMOR". NON Á VIOLENCIA!






A Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia cedeu, a pedimento do noso centro, a exposición "Cartas de amor", onde quince artistas plásticos do país e de fóra plasman situacións que pretenden facer reflexionar á mocidade sobre a vixilancia ante a violencia nas parellas, utilizando diversas técnicas, nomeadamente a do cómic.

miércoles, 19 de febrero de 2014

CONTACONTOS E CANTIGAS EN FRANCÉS NA ESCOLA DE IDIOMAS PARA O NOSO ALUMNADO



O pasado venres 14 de febreiro, o DEPARTAMENTO DE FRANCÉS do noso instituto organizou unha actividade cultural consistente na asistencia na ESCOLA DE IDIOMAS da nosa vila a un espectáculo integramente en francés onde o noso alumnado puido escoitar un contacontos que tamén cantaba cantigas na lingua de Molière. Asistiu o alumnado de francés de 3º, 4º e 1º BACH. Saíron contentos, aprenderon e pasárono ben.


En febreiro, o día de San Valentín, os alumnos de francés de 3º e 4º de ESO deixamos o instituto, cheo de corazóns para a ocasión, para ir á Escola Oficial de Idiomas a ver unha representación teatral.

Tratábase dun contacontos, en francés, loxicamente. O home era moi divertido e coas súas caras e os seus xestos fixo que o público rise ás gargalladas. Contounos catro historias, as catro un pouco estrafalarias, sobre todo unha que tiña como protagonista unha fada que todo o solucionaba facendo aparecer gnomos. Ademais, este home tan completo, amenizou o espectáculo con música. Primeiro tocou a arpa, como fondo da súa primeira historia; despois interpretou unhas cancións de amor dirixidas a unha rapaza do público. Para rematar cantou “Petits Oeillets”, a versión francesa do coñecidísimo “Caraveliños”.

Saímos todos cun sorriso do salón de actos da EOI. Encantaríame poder repetir esta actividade.

MARTA ALONSO (3º ESO A)


martes, 18 de febrero de 2014

GRUPO BIBLIOTECA: OUTRA VARIEDADE, EXITOSA, DOS CLUBS DE LECTURA




O Grupo da Biblioteca organiza os martes durante o primeiro recreo nunha aula do soto un club de lectura especializado en relatos literarios curtos. A profesora MARILÓ, que é quen se ocupa desta actividade, escolle cada semana un relato de curta duración para que poida ser lido durante un recreo. A esta actividade, que naceu pensada para os bacharelatos, acode hoxe alumnado doutros niveis, nomeadamente 3º e 4º ESO. Chapeau! por esta interesante iniciativa que difunde a lectura e crea lectores.

sábado, 15 de febrero de 2014

SAN VALENTÍN NA BIBLIOTECA: RECITAL POÉTICO E CONCURSO DE CARTAS DE AMOR














A celebración do San Valentín por parte da Biblioteca foi un éxito rotundo de participación, tanto no recital poético na biblioteca como no concurso de cartas de amor escritas polo alumnado de 4º da ESO e votadas por todo o alumnado.
Durante o 1º recreo e na biblioteca tivo lugar o recital poético levado a cabo polo alumnado de 1º ESO A, coordinado e dirixido pola súa profesora SUSA. O alumnado deste grupo recitou unha escolma de poesía amorosa en lingua castelá.
Durante os dous recreos todo o alumnado do centro que quixo, e foron moitos, votou polas cartas de amor escritas polo alumnado de 4º da ESO, expostas nas escaleiras de subida desde a entrada. No momento de votar eran obsequiados pola biblioteca cunha piruleta vermella en forma de corazón alusiva á festa.
A ganadora do Concurso de Cartas de Amor foi:
ANTÍA GATO ÁLVAREZ (4º ESO B). Como podedes observar na foto superior, a entrega do premio tivo lugar no festival do Entroido. 
Iso, si, non vimos moita xente vestida de vermello como sempre foi habitual nesta data, agás algunha profesora e algún que outro alumno. Vanse perdendo os costumes...

miércoles, 12 de febrero de 2014

CLUB DE LECTURA DE ADULTOS DO ICC








Unha nova xeira do agora Club de Lectura de Adultos (antes Club de Lectura do Profesorado, ampliado agora con persoal non docente) no noso instituto. Logo do xa habitual "xantar de traballo" na cafetería do instituto, servido polas nosas compañeiras Celia e Tina, xuntámonos na biblioteca para seguir dando conta das nosas lecturas e en animado faladoiro fomos debullando unha a unha as tres obras suxeridas para a lectura durante o primeiro trimestre. Unha cousa nos quedou clara, por se non o soubésemos xa: os cacarexados premios literarios e publicitados a bombo e platillo non son garantía de calidade, nin moito menos. Nesta ocasión, os autores patrios quedaron bastante mellor parados.
E xa temos marcadas novas tarefas para o segundo trimestre: unha novela gráfica, tamén de autor patrio (MIGUEL ANXO PRADO), avalada pola boa crítica ("Ardalén") e unha tradución do danés de JANNE TELLER ("Nada"). Teremos a oportunidade de xulgar se esta última é tan impactante como a crítica a describe. 
Boas lecturas, benqueridos compañeiros.


              


MODERNIZANDO E VISUALIZANDO A BIBLIOTECA




Fixemos a nosa BIBLIOTECA máis visible... Como está un pouco arredada dos percorridos habituais do centro, queriamos que salientase, que fose máis visible, aínda que quede aló no fondo. 
Quedounos chulo o cartel enriba da porta, eh?!