2º da ESO tivo como libro de lectura de Galego durante a
3ª avaliación a obra de CARLOS VILA SEXTO As
sete mortes, editada por Editorial Galaxia.
Foron 85 alumnos e alumnas os que leron esta obra. Foi
tanto o éxito que acadou entre os nosos lectores que a nosa profesora BEATRIZ,
en coordinación coa Biblioteca e mais co Equipo de Normalización Lingüística,
decidiu traelo ao centro para que nos falase da súa obra.
Fixéronse os contactos precisos coa editorial e o xoves
23 de maio tiñámolo canda nós.
Para agasallalo pola súa amable visita, o alumnado de 2º
ESO ofreceulle nunha presentación informática as gravacións das súas opinións
sobre a obra, acompañadas de ilustracións referentes á mesma, así como de
fotografías dos diferentes lugares que aparecían na novela.
Logo xa tomou a palabra CARLOS, que nos falou sobre a súa
formación, sobre as obras que leu de pequeno e que logo acabarían por influír
na súa escrita: Harry Potter, Sherlok Holmes, O nome da rosa, O código da
Vinci, Resplandor, Momo, A volta ao mundo en 80 días ou 20 mil leguas... Tamén falou
dos videoxogos: Monkey Island, Assassine ou The Crowds de películas ou series
de TV: Indiana Jones, Friends, Os Goonies, etc.
Logo centrouse xa no libro, nos feitos que o inspiraron,
como a viaxe que realizou coa súa muller a Galicia, a súa inspiración na Torre
de Hércules ou no personaxe de Breogán e confesounos que moitos dos nomes dos
protagonistas da obra están inspirados en familiares ou amigos.
Falounos tamén do seu oficio de guionista, das claves
para saber manter o interese e conseguir que os telespectadores non cambien de
canle unha vez chegados os anuncios.
Ensinounos tamén algunhas das notas que foi tomando antes
da escrita do libro As sete mortes, como foi elaborando o argumento,
etc. e recoñeceu que os espazos da novela eran reais, identificables na
xeografía galega.
Co tempo xustiño, acabou respondendo preguntas sobre a
obra e asinando libros a cantos se achegaron onda el. Eran tantos que por pouco
algúns perden o autobús.
GRAZAS, CARLOS, POR FACERNOS PASAR UNHA TARDE TAN
AGRADABLE, POR FACERNOS SABER MÁIS DE TI E DA TÚA OBRA E POR METERNOS O BECHO
DA LECTURA NO CORPO!!!