domingo, 2 de junio de 2013

CARLOS VILA SEXTO VISITA EXITOSAMENTE O NOSO CENTRO


2º da ESO tivo como libro de lectura de Galego durante a 3ª avaliación a obra de CARLOS VILA SEXTO As sete mortes, editada por Editorial Galaxia.
 
Foron 85 alumnos e alumnas os que leron esta obra. Foi tanto o éxito que acadou entre os nosos lectores que a nosa profesora BEATRIZ, en coordinación coa Biblioteca e mais co Equipo de Normalización Lingüística, decidiu traelo ao centro para que nos falase da súa obra.

Fixéronse os contactos precisos coa editorial e o xoves 23 de maio tiñámolo canda nós.
Para agasallalo pola súa amable visita, o alumnado de 2º ESO ofreceulle nunha presentación informática as gravacións das súas opinións sobre a obra, acompañadas de ilustracións referentes á mesma, así como de fotografías dos diferentes lugares que aparecían na novela.
 
                                      
 
Logo xa tomou a palabra CARLOS, que nos falou sobre a súa formación, sobre as obras que leu de pequeno e que logo acabarían por influír na súa escrita: Harry Potter, Sherlok Holmes, O nome da rosa, O código da Vinci, Resplandor, Momo, A volta ao mundo en 80 días ou 20 mil leguas... Tamén falou dos videoxogos: Monkey Island, Assassine ou The Crowds de películas ou series de TV: Indiana Jones, Friends, Os Goonies, etc.
Logo centrouse xa no libro, nos feitos que o inspiraron, como a viaxe que realizou coa súa muller a Galicia, a súa inspiración na Torre de Hércules ou no personaxe de Breogán e confesounos que moitos dos nomes dos protagonistas da obra están inspirados en familiares ou amigos.
Falounos tamén do seu oficio de guionista, das claves para saber manter o interese e conseguir que os telespectadores non cambien de canle unha vez chegados os anuncios.
 
 
Ensinounos tamén algunhas das notas que foi tomando antes da escrita do libro As sete mortes, como foi elaborando o argumento, etc. e recoñeceu que os espazos da novela eran reais, identificables na xeografía galega.
Co tempo xustiño, acabou respondendo preguntas sobre a obra e asinando libros a cantos se achegaron onda el. Eran tantos que por pouco algúns perden o autobús.
 
 
GRAZAS, CARLOS, POR FACERNOS PASAR UNHA TARDE TAN AGRADABLE, POR FACERNOS SABER MÁIS DE TI E DA TÚA OBRA E POR METERNOS O BECHO DA LECTURA NO CORPO!!!


No hay comentarios: