viernes, 31 de mayo de 2013

XA SAÍU A REVISTA DESTE ANO!!!


 
 
PODEDES VER O Nº 23  (2013) DA  REVISTA PICANDO NESTE ENLACE:
 
 
[POR CERTO, NESE MESMO SITIO, SE BUSCADES, PODEDES CONSULTAR TODOS OS NÚMEROS DA NOSA REVISTA, DESDE O Nº 0 ATA O ACTUAL, O 23]
 
 
EDITORIAL
Con non poucas dificultades para saírmos, de toda índole, un ano máis acudimos á nosa cita habitual para celebrarmos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. E van vinte e tres!
Falabamos de dificultades... e a primeira é a económica: cada ano temos máis problemas para poder afrontar a edición da nosa revista, o pagamento dos premios do concurso... Cada vez temos menos apoio institucional (Xunta de Galicia) e temos que apañarnos como podemos solicitando axuda ás empresas coas que traballa o noso centro. Grazas mil a esas empresas!
O noso Consello de Redacción estase convertendo nun berce de bos xornalistas, entrevistadores natos, como poderedes comprobar desta xeira co mangado de entrevistas que nos achegan: en primeiro lugar, e a modo de honra por estaren tantos anos connosco, servindo ao centro e ao alumnado, aos nosos benqueridos BENEDICTO e mais PEDRO; tamén ao noso querido lector de inglés, HOWARD; e, como vén sendo xa habitual tamén, a alumnado foráneo, desta volta a MARIYA, e a alumnado que destaca nalgunha actividade: RAÚL, SERGIO, CARLOS e IRENE. Temos desta volta unha entrevista dun interese especial sobre o circo na actualidade.
Logo están as nosas seccións habituais, algo para aprendermos un chisco, con curiosidades (Sabías que...), humor, frases lapidarias, paridas de clase, pasatempos... e tres puntos fortes da revista: o NOTICIEIRO, os traballos presentados ao XIV CONCURSO CARLOS CASARES, con maior participación cada ano, e de maior calidade: 15 relatos, 14 poemas, 3 traballos monográficos, 1 artigo de opinión; 27 colaboracións gráficas, 2 cómics e 1 caricatura; todo isto o podedes ver neste número. E outro dos nosos clásicos que tanta aceptación ten: AS ORLAS, que, se gardades as revistas (iso esperamos), consultaredes cando teñades algúns anos máis, con certa saudade.
Só nos resta desexarvos unha agradable e amena lectura deste noso traballo que con tanto agarimo preparamos para vós e convidarvos a colaborardes no noso próximo número, pois sen a vosa participación non é posible a revista.
O CONSELLO DE REDACCIÓN

No hay comentarios: