jueves, 31 de enero de 2008

O IES CARLOS CASARES EN SAN ISIDRO

DO MAR DE VIGO Á NEVE DOS MONTES DE LEÓN
O IES na neve. (pulsar para entrar na noticia do periódico).

Os alumnos do IES «Carlos Casares» de Vigo están pasando esta semana en S. Isidro (León).

Esperamos que a neve lles sexa propicia e poidan facerse verdadeiros virtuosos e, así, teñamos algún deportista de elite entre eles.

Ánimo, que nos teredes que contar moitas cousas cando cheguedes.

viernes, 21 de diciembre de 2007

PATINANDO SOBRE XEO




Os alumnos de 2º de ESO foron a patinar sobre xeo.
Pasar, pasárono ben; non hai máis que ver os rostros de satisfacción...

Algún e algunha deberán entrenar máis para mellorar o seu estilo, pero, verdadeiramente teñen posibilidades. Así que ánimo, que esperamos que de entre vós saia algún ou algunha artista que nos faga disfrutar coas súas piruetas rítmicas.


Aproveitamos para desexar un
BO NADAL a toda a comunidade educativa: pais, nais, alumnas, alumnos, profesores, profesoras, administrativos, conserxes, responsables da cafetería, persoal da limpeza, de mantemento, xardineiros, conductores de autobús, a TODOS e TODAS os mellores desexos...

jueves, 13 de diciembre de 2007

UN DÍA EN SOTAVENTO



O día que fomos a Sotavento pasámonos no bus seis horas. Logo de tres horas de viaxe e unha vez alí, o día cambiou moito. Na autoestrada facía calor e sol, arriba moito frío, néboa e vento.

Ao principio déronnos unha charla sobre o funcionamento dun muíño eólico e os paneis solares térmicos. Despois deixáronnos tempo para comer e mirar o museo-exposición que tiñan dentro do edificio. Pola tarde leváronnos a ver un muíño eólico e volvéronnos a explicar a súa función e funcionamento. Finalmente volvemos a Vigo noutras tres esgotadoras horas de autobús.

A excursión gustoume. Foi explicativa e bastante entretida. Ademais fomos varios grupos de diferentes cursos e iso aínda o fixo máis divertido.

Xosé Casal (4º C)

Novo curso...

Comezamos o curso... con ganas, pero este Blog tiñámolo un pouco "aparcado". Agora sí, imos "movelo" un pouco. Para iso temos excelentes reporteiros e reporteiras (os alumnos e alumnas) que van a ir contando as súas diferentes experiencias ó longo do curso.

Tamén comezamos con novo equipo directivo e algunhas novidades máis: a formación do profesorado nas Tecnoloxías da Información e da Comunicación (as famosas TIC). Tamén se iniciaron novas asignaturas: Proxecto interdisciplinar, Taller de iniciativas emprendedoras... Estamos perfilando e traballando no Plano de Convivencia... En fin, xa vedes que comezamos con ímpetu. Agora hai que manter o esforzo para poder ir sacando adiante todos os proxectos que iniciamos...

Xa vos iremos contando máis novidades desde este medio. Ánimo e bó curso e, tamén -¿como non?- Felices Festas a TODOS e a TODAS.

jueves, 28 de junio de 2007

CONCURSO «CINCO OCÉANOS, CINCO SENTIDOS»

Coincidindo coa celebración do Día Mundial do Océano, o Centro Oceanográfico de Vigo convocou un concurso de debuxo. O noso alumno de 1º de ESO, André García Iglesias foi un dos gañadores do devandito concurso. Aquí podedes ver a noticia que saíu no Faro de Vigo. O premio consistiu en que tres alumnos do noso centro participaran nunha xornada de investigación a bordo do buque do Centro Oceanográfico e ver como se coida da nosa ría desde esta institución.

Seguro que foi unha xornada moi interesante e que deixará unha importante pegada nos nosos alumnos.

Outra vez noraboa ós nosos alumnos, neste caso especialmente a André. E por suposto, á súa profesora de plástica.

martes, 29 de mayo de 2007

FINALISTAS AUTONÓMICOS DO XXVI CONCURSO ESCOLAR «¿Que é un Rei para ti?»



Clara Copena Amigo, Teresa García González e Nicolás Lago Casabella de 1º de ESO, quedaron entre os 40 finalistas autonómicos entre os 2150 traballos presentados para o Concurso «¿Que é un Rei para ti?».
Onte, 28 de maio, asistiron ó acto de entrega de premios xunto coas autoridades académicas entre as que estaba a Conselleira de Educación da Xunta de Galicia, Laura Sánchez Piñón e a Directora Xeral Mª José Pérez Mariño, acompañados pola Directora e a profesora de Plástica do Instituto.

Noraboa ós nosos alumnos polo bó traballo realizado.

lunes, 7 de mayo de 2007

VI Concurso de Debuxo de Educación Viaria. LUGO

VI Concurso de Debuxo de Educación Viaria.





O xurado da VI edición do Concurso de Debuxo de Educación Viaria Cidade de Lugo seleccionou os debuxos gañadores deste certame destinado a todos os escolares e estudantes de Secundaria e Bacharelato de toda Galicia.

Nesta edición participaron 36 centros educativos de toda Galicia e batiuse o récord de participación ao acadar os 827 debuxos presentados.

Os membros do xurado coincidiron en salientar a extraordinaria calidade dos traballos presentados e a capacidade dos rapaces para reflexionar sobre a gravidade dos problemas que orixina o tráfico. Os nenos que participaron abordaron este tema desde distintos puntos de vista, tanto desde o drama dos accidentes de circulación ou o caos dos atascos, como desde a perspectiva da prevención e da aplicación de boas maneiras na condución.


Categoría D. (4º secundaría, 1º y 2º de Bacharelato):
1º.- Iria Lores Villar do CPI. Covaterreña de Baiona - Pontevedra
2º.-Iria Barroso Fernández do IES. Lagoa de Antela de Xinzo de Limía - Ourense
3º.-Iván Davila Quintas do IES. Carlos Casares de Vigo - Pontevedra


Centro escolar con maior calidade artística:

IES. Carlos Casares de Vigo - Pontevedra