viernes, 31 de mayo de 2013

XA SAÍU A REVISTA DESTE ANO!!!


 
 
PODEDES VER O Nº 23  (2013) DA  REVISTA PICANDO NESTE ENLACE:
 
 
[POR CERTO, NESE MESMO SITIO, SE BUSCADES, PODEDES CONSULTAR TODOS OS NÚMEROS DA NOSA REVISTA, DESDE O Nº 0 ATA O ACTUAL, O 23]
 
 
EDITORIAL
Con non poucas dificultades para saírmos, de toda índole, un ano máis acudimos á nosa cita habitual para celebrarmos o DÍA DAS LETRAS GALEGAS. E van vinte e tres!
Falabamos de dificultades... e a primeira é a económica: cada ano temos máis problemas para poder afrontar a edición da nosa revista, o pagamento dos premios do concurso... Cada vez temos menos apoio institucional (Xunta de Galicia) e temos que apañarnos como podemos solicitando axuda ás empresas coas que traballa o noso centro. Grazas mil a esas empresas!
O noso Consello de Redacción estase convertendo nun berce de bos xornalistas, entrevistadores natos, como poderedes comprobar desta xeira co mangado de entrevistas que nos achegan: en primeiro lugar, e a modo de honra por estaren tantos anos connosco, servindo ao centro e ao alumnado, aos nosos benqueridos BENEDICTO e mais PEDRO; tamén ao noso querido lector de inglés, HOWARD; e, como vén sendo xa habitual tamén, a alumnado foráneo, desta volta a MARIYA, e a alumnado que destaca nalgunha actividade: RAÚL, SERGIO, CARLOS e IRENE. Temos desta volta unha entrevista dun interese especial sobre o circo na actualidade.
Logo están as nosas seccións habituais, algo para aprendermos un chisco, con curiosidades (Sabías que...), humor, frases lapidarias, paridas de clase, pasatempos... e tres puntos fortes da revista: o NOTICIEIRO, os traballos presentados ao XIV CONCURSO CARLOS CASARES, con maior participación cada ano, e de maior calidade: 15 relatos, 14 poemas, 3 traballos monográficos, 1 artigo de opinión; 27 colaboracións gráficas, 2 cómics e 1 caricatura; todo isto o podedes ver neste número. E outro dos nosos clásicos que tanta aceptación ten: AS ORLAS, que, se gardades as revistas (iso esperamos), consultaredes cando teñades algúns anos máis, con certa saudade.
Só nos resta desexarvos unha agradable e amena lectura deste noso traballo que con tanto agarimo preparamos para vós e convidarvos a colaborardes no noso próximo número, pois sen a vosa participación non é posible a revista.
O CONSELLO DE REDACCIÓN

jueves, 30 de mayo de 2013

"O MONTE É A NOSA VIDA", UN EXCELENTE ÁLBUM ILUSTRADO QUE REALIZOU 1º ESO B


O alumnado de 1º ESO B realizou un álbum ilustrado onde se narra a historia dos nosos case 3.000 metros cadrados de finca, que ata hai catro anos se coidaba "a medias". Desde que a Anpa a adecuou, o centro implicou o alumnado na súa conservación, coidado e mellora con obradoiros interdisciplinares de paisaxe en 1º de ESO (cando chegan ao centro) onde coñecen as especies  que teñen na seu entorno máis próximo, observan os cambios estacionais, disfrutan realizando pintura ao aire libre...
Cremos que é importante este coñecemento do entorno para despois poder intervir nel, como fixo  2º de ESO este curso a través do programa "12 meses 12 paisaxes". Así eles ven que nas súas mans está o cambio e que poden facer grandes cousas.


ALMUDENA LACOMBA

Podedes ver a obra de 1º ESO B picando na páxina inicial que tedes enriba.


miércoles, 29 de mayo de 2013

1º ESO C FINALISTA DO CONCURSO "CLASES SEN FUME". ACCEDEDE AO LIBRO FINALISTA


Clases sen fume

Nun post anterior anunciabamos que o alumnado de 1º ESO do noso centro participaba nas actividades do Programa de CLASES SEN FUME, e alí inseriamos dous vídeos, un de 1º ESO A e outro de 1º ESO B. Pois ben, agora sabemos que o alumnado de 1º ESO C é xa finalista no concurso deste Programa. O día 17 do vindeiro mes fallarase o premio en Santiago de Compostela. Cremos que temos moitas posibilidades de gañar este concurso.
O alumnado deste grupo, coordinados por ALMUDENA, a nosa vicedirectora, elaborou un libro sobre o tema do concurso. Participou todo o alumnado e podedes ver o resultado picando na páxina do libro que tedes enriba. DISFRUTADE DA SÚA VISIÓN, PAGA A PENA.

domingo, 26 de mayo de 2013

OS NOSOS EX-ALUMN@S VISÍTANNOS E ACONSÉLLANNOS. GRAZAS!!!

A pasada semana, como vén sendo habitual xa por estas datas, e invitados  pola Vicedirección, recibimos una calorosa visita de sete ex-alumnos que nos viñeron contar as súas experiencias nos distintos camiños que escolleron ao remataren os seus estudos no noso instituto. Instrutivo e pedagóxico. Grazas polas vosas impresións e consellos!


miércoles, 15 de mayo de 2013

O CONCELLO DE VIGO AGASALLA AO NOSO ALUMNADO CON "CANTARES GALLEGOS"

Con motivo do sesquicentenario da publicación dos tan emblemáticos para a nosa literatura CANTARES GALLEGOS de Rosalía de Castro, que saíron do prelo da imprenta de JUAN COMPAÑEL, noutrora situada na actual coñecida Rúa dos Viños da nosa cidade, un 17 de maio de 1863, o CONCELLO DE VIGO, entre outras moitas actividades conmemorativas deste evento, fixo unha edición especial para o alumnado de todo o concello. En cada fogar do noso alumnado haberá a partir deste 17 de maio un exemplar da obra antedita.
 

 

MURAL DAS LETRAS GALEGAS 2013. ROBERTO VIDAL BOLAÑO

O EQUIPO DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA e mais o DEPARTAMENTO DE GALEGO acaban de colgar o mural das LETRAS GALEGAS 2013: 10 cartaces enviados pola Xunta de Galicia sobre a vida e mais a obra do dramaturgo ROBERTO VIDAL BOLAÑO a quen este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.
Pasará por este mural a maioría do noso alumnado para coñecer esquemática e visualmente datos sobre o autor homenaxeado.
 


 

PLAN PROXECTA. 12 MESES, 12 PAISAXES

 
Mans á "gran obra" da nosa zona 2 do proxecto.
Aínda que o tempo non nos acompañou moito durante o curso, nestas últimas semanas puidemos dar conta da segunda grande intervención na nosa finca. (Da primera intervención xa falamos anteriormente neste blog: zona de máis urxencia, o noiro).
Tras os debates de grupo, os bocetos previos en "concurso de ideas", decidimos realizar detrás do ximnasio unha pista adecuada para correr e realizar exercicio ao aire libre.
Aquí van as fotos do proceso. Primeiro marcamos o percorrido con estacas e corda. Despois, os máis fortes cavamos, axudando así aos nosos xardineiros e baixo a súa supervisión. Logo colocamos unha malla xeotéxtil que impide medrar a herba. Encoframos con listóns de madeira e botamos zahorra e xabre fino para pavimentar.
ALMUDENA LACOMBA