jueves, 27 de junio de 2013

POIS SI, CLARO... TAMPOUCO HAI FIN DE CURSO SEN CÍES








Xa, xa... por pouco non imos... Pero nós ben sabemos que as Cíes nunca nos defraudan... Xa temos saído outras veces mesmo chovendo (non foi este caso, por pouco...) e logo chegar ás supostas Casitérides de Heródoto e abrirse para nós as comportas dos ceos para deixar pasar eses raios máxicos que van acariñando a nosa pel nun principio, pero que, de non mediar ese factor case 100 do protector solar, acabariamos máis vermellos ca un centolo cocido, da ría, claro... Pois algún, en efecto, debeu esquecer o protector, porque ese saudiño nas costas no barco de volta sabía a flaxelo endiañado...
E demos subido ao faro grande, en pouco tempo! Que lontananza bravía, que frescor azul, verde, branco escuma... que voos altos e perigosos das gaivotas que gardan a niñada... Que Cíes fermosas!

MARIYA FÁLANOS DE BULGARIA, O SEU PAÍS






O GRUPO DA BIBLIOTECA organizou unha charla que impartiu MARIYA ILIEVA, de 2º B, ao alumnado de 1º da ESO para darlle unhas lixeiras nocións de como é o seu país de orixe, BULGARIA; dos seus costumes, do seu sistema educativo, da súa cultura, gastronomía... Resultou realmente interesante, proba disto son as espelidas preguntas dalgúns dos presentes na charla, que, por certo, tivo como escenario o propio recinto da biblioteca, adecuado para tal fin.
GRAZAS, MARIYA. Sabes que sempre estarás nos nosos corazóns. Benzóns!

NON HAI FIN DE CURSO SEN OBRA DE TEATRO








Pois si, meus, si, éche así, non che hai outra... no IES CARLOS CASARES non se dá por rematado o curso se non hai representación dos rapaces de JUAN. E nunca decepcionan, oes... Cres que o do curso anterior xa non se pode igualar, pero van e o superan... Ben... o da azafata alemá de Yago... non sei se o superaron, pero ben, sempre che hai excepcións, ou?
Como o pasado curso lles foi ben o das improvisacións, pois... a improvisar, ale! 
Desta vez representaron en dúas sesións, unha matutina para o alumnado da ESO e outra vespertina para Bacharelato e pais e nais. Hai quen di que a da tarde saíu mellor... Pois non sei que che dicir... Pero aí quedou para a posteridade nas nosas retinas, nos nosos oídos.
Ah! E como os bos alumnos nunca morren... estaba MARCIAL ao piano facendo os acompañamentos musicais que lle dan ese toque de cine mudo a estes esmendrellantes sketches.
Ao final houbo tamén unha sesión de baile dun grupo da ESO

miércoles, 26 de junio de 2013

ENTREGA DE PREMIOS DOS CLUBS DE LECTURA DO ALUMNADO

 


 

O día da representación do Grupo de Teatro do centro foron entregados polo noso director os premios dos CLUBS DE LECTURA DO ALUMNADO, actividade que dinamiza o GRUPO DA BIBLIOTECA do noso centro, logo de que o equipo de profesorado (8 profesoras e profesores) que coordinaron os distintos clubs avaliasen os comentarios e recensións que os participantes foron subindo ao blog da biblioteca durante todo o curso e segundo as obras elixidas ou marcadas. Dado que durante este curso escolar estiveron funcionando clubs de lectura no 1º e mais no 2º ciclo da ESO, establecéronse 2 categorías, una por cada ciclo.
Os premiados foron nesta ocasión:
 
ENERITZ SOMOZA RODRÍGUEZ (1º ESO B)
 
MARTÍN GIRÁLDEZ MARTÍNEZ (4º ESO B)
 
que foron agasallados con cadanseu lector electrónico, para que poidan seguir lendo como demostraron saben e gustan facer, pero xa dentro das novas tecnoloxías, e con tinta electrónica.
 
NORABOA!
 
O Grupo da Biblioteca e o profesorado coordinador dos Clubs de Lectura agradece a todo o alumnado inmerso nesta actividade a súa participación e invita a todo o alumnado a que participe nos novos retos lectores do vindeiro curso.

martes, 25 de junio de 2013

PROXECTO SALVAVIDAS. 3º ESO RAPEA PARA A CONCIENCIACIÓN DA DOAZÓN DE ÓRGANOS


Dentro do PLAN PROXECTA, o noso alumnado estivo inmerso no PROGRAMA SALVAVIDAS, unha campaña de concienciación para a DOAZÓN DE ÓRGANOS. Dentro deste programa xa demos conta neste blogue doutras actividades levadas a cabo no centro, como a charla que viñeron dar aos 3os. ESO unha médica e mais unha persoa a quen se lle transplantara un órgano doado, e mais a elaboración dun graffiti no muro dos campos de deporte, ante o cal bailaron o rap algunhas alumnas e alumnos de 3º ESO, actividade da que a seguir damos conta.
O noso alumnado de 3º ESO creou letras para un rap co tema da doazón de órganos. Para a creación das letras interveu todo o alumnado dos 3os. ESO, pero unha vez rematada esta primeira fase, dez alumnas e alumnos voluntarios, procuraron bases musicais de rap ou de hip-hop que se adaptasen á letra seleccionada.
O alumnado do grupo de rap foi:
IRENE e SANDRA, de 3º A; ANTÍA, ALBA COBO, PAULA e PABLO, de 3º B; e CARLA, ISAAC, NICOLÁS e ALBA, de 3º C.
Ensaiaron para gravar primeiro o audio e logo prepararon a coreografía para gravar e fotografar posteriormente a escenificación do rap.


domingo, 23 de junio de 2013

ENTREGA DE PREMIOS. XIV PREMIOS CARLOS CASARES



XIV PREMIOS CARLOS CASARES. 2013

RELACIÓN DE TRABALLOS DE ALUMNAS E ALUMNOS PREMIADOS:

NARRATIVA:
1º PREMIO: “En acordes volverei”. AUTORA: EILÚN DEL PAZO MOA (1º BACH E).
ACCÉSIT: “Lactobacilos”. AUTORA: MARIYA ILIEVA PALIKARSKA (2º ESO A).
ACCÉSIT: “Os luns do edificio Esperanza”. AUTORA: JULIA ALONSO LÓPEZ (2º ESO B).
ACCÉSIT: “Respirar para afogarse”. AUTORA: EILÚN DEL PAZO MOA (1º BACH E).

POESÍA:
1º PREMIO: “Necesitámosvos”. AUTOR: YAGO GUIRADO RODRÍGUEZ (2º BACH E).
ACCÉSIT: “Medos”. AUTORA: MARIYA ILIEVA PALIKARSKA (2º ESO B).

OPINIÓN:
1º PREMIO: “Un sistema obsoleto”. AUTOR: YAGO GUIRADO RODRÍGUEZ (2º BACH E).

MONOGRÁFICOS:
1º PREMIO: “Keith Haring”. AUTOR: YAGO GUIRADO RODRÍGUEZ (2º BACH E).

DEBUXO:
1º PREMIO: “Tres monos sabios”. AUTOR: ÓLIVER ALONSO FERNÁNDEZ (2º BACH F).
ACCÉSIT: “Pianista 1”. AUTOR: BRUNO GIRÁLDEZ MARTÍNEZ (2º ESO A).
 

CARICATURAS:
1º PREMIO: “Doctor Who”. AUTOR: ADRIÁN ALONSO ALONSO (2º BACH F).

CÓMIC:
1º PREMIO: “Rein 2”. AUTOR: OLIVER ALONSO FERNÁNDEZ (2º BACH F).
ACCÉSIT: “Rein 2”: OLIVER ALONSO FERNÁNDEZ (2º BACH F).

MARIYA, DE 2º B, FINALISTA DE "¿QUÉ ES UN REY PARA TI? 2013"

MARIYA ILIEVA PALIKARSKA, de 2º ESO B, foi finalista no concurso de "¿Qué es un rey para ti? 2013", concurso no que sempre gañamos algún premio. Desta vez xa serían moitas veces seguidas, pero Mariya proclamouse finalista na fase galega do concurso.
Velaquí o seu traballo.