PROFESORADO ACOMPAÑANTE:
ALEJANDRO (EDUCACIÓN FÍSICA)
O día tres de febreiro, ás nove da mañá, estabamos
impacientes pola chegada do autobús con destino a Leitariegos. A viaxe en bus
estivo chea de risos e de bos momentos. Fixemos dúas paradas, unha nunha
cafetaría para descansar e comer a merenda de media mañá e, máis tarde, nunha
vila para almorzar.
Ao chegarmos, a paisaxe pareceunos
preciosa. Todo era branco, impresionante. Entramos no albergue e repartiron os
dormitorios. Deixamos as cousas, despois déronnos os esquís, os cascos e as
botas e fomos xogar á neve. Fíxose de noite moi cedo. Déronnos tempo para
ducharnos e fomos cear. Logo da cea fixemos a nosa primeira velada nocturna, na
que falamos de todo o que iamos facer durante a nosa estadía. Ao acabar, sobre
as doce da noite, mandáronnos ir durmir.
Ao día seguinte levantámonos, puxemos a
roupa e ensináronnos a poñer as botas, que non eran nada cómodas. Fomos
almorzar e saímos cara á estación de esquí. Alí aprendemos a poñer os esquís e
a deslizarnos pola neve. Despois fomos comer e pola tarde xogamos cos
monitores. Logo dunha xornada intensa fomos cear. Máis tarde fixemos outra
velada nocturna na que xogamos ao “Chini Chino”. Ao principio pensamos que nos
estaban tomando o pelo, pero despois resultou moi divertido. Ás doce, coma
sempre, tiñamos que ir durmir. Deixábannos falar pero en baixo, aínda que
saímos dos cuartos para estar con máis xente.
Chegou o terceiro día e fomos esquiar pola
mañá. Pola tarde visitamos unha vila preto da estación de esquí. Alí fixemos un
xogo dirixido polos monitores. Este consistía en preguntarlle á xente sobre animais,
comidas típicas e outros temas da zona. De regreso comezamos outro xogo que
consistía en evitar dicir unha palabra prohibida. Cada día había unha palabra
nova. Aquel que a dixera debería levar unha pinza e, ao final de todos os días,
facía unha proba. Cando chegamos ao albergue, fixemos bonecos de neve e despois
a nosa xa habitual velada nocturna.
O xoves comezou o día con moito vento e non
puidemos ir esquiar. Fixemos un paseo con raquetas de neve. Custounos chegar
arriba, pero valeu a pena. A paisaxe era espectacular, chea de montañas con
moita neve. Pasou moi rápido e chegou a hora de comer. Pola tarde, xa que
escacharan as ventás do bus debido ao vento, vimos una peli na sala común e
máis tarde ceamos e fixemos a velada nocturna. Nesta ocasión cada dormitorio
debía realizar unha actuación consistente en cantar, bailar, etc.
E chegou o último día. Espertamos e, por
primeira vez na semana, puidemos subir ás pistas. Ensináronnos a coller o telecadeira
e subimos. A pista era enorme, comparada coa de abaixo, que era a que nós
coñeciamos. Ese día aprendemos tamén a coller o telesquí e subimos polas
pistas. Estivemos alí toda a mañá facendo carreiras. Despois comemos, vimos
unha película e emprendemos viaxe de volta cara ao instituto de novo. Desta vez
a viaxe foi máis silenciosa xa que había xente durmindo. Chegamos, despedímonos
dos monitores, collemos as maletas e marchamos cara ás nosas casas.
Todo o bo ten un final.
Mª ISABEL ESTÉVEZ DOMÍNGUEZ
ANDREA GONZÁLEZ ALONSO (2º ESO A)
No hay comentarios:
Publicar un comentario