domingo, 23 de junio de 2013

MARIYA, DE 2º B, FINALISTA DE "¿QUÉ ES UN REY PARA TI? 2013"

MARIYA ILIEVA PALIKARSKA, de 2º ESO B, foi finalista no concurso de "¿Qué es un rey para ti? 2013", concurso no que sempre gañamos algún premio. Desta vez xa serían moitas veces seguidas, pero Mariya proclamouse finalista na fase galega do concurso.
Velaquí o seu traballo.
 





 
 

sábado, 22 de junio de 2013

VISITA A BAIONA DE 1º ESO. ESTUDO DA BIODIVERSIDADE





SAÍDA DE ESTUDO DA BIODIVERSIDADE
O luns 27 de Maio collemos o bus para ir a Praia América, onde fixemos os grupos e comezamos a camiñar para ir cara á Ramallosa e Baiona, esperábanos unha longa andaina duns seis quilómetros.

Polo camiño vimos rochas metamórficas; eran xistos e estaban bandeados no mar. Tamén vimos eucaliptos, que son unha especie invasora; fentos… Algunhas partes eran paisaxes humanizados, xa que nelas había casas construídas.
       Na desembocadura do río Miñor, xuntábanse a auga doce e a auga salgada formando augas salobres, aquí puidemos ver gran cantidade de robalizas.

        Despois chegamos á Praia da Cuncheira onde descansamos e observamos as charcas que quedaron entre as rochas ao baixar a marea. Vimos numerosas especies mariñas como: a anémona  Anemonia sulcata”, distintos tipos de estrelas de mar (Asterias rubens, Marthasterias glaciaris…), esponxas, ourizos de mar, unha cápsula ovíxera dunha raia, un gran número de algas...     

Despois percorremos a senda fluvial do río Fraga (Muíños de Baredo). Nesta andaina observamos muíños, algúns dos cales estaban rehabilitados, e na beira do río vexetación típica desta zona: fentos, salgueiros, loureiros, amieiros…; tamén sobre a superficie da auga había abundantes zapateiros. Na súa desembocadura sacámonos fotos as clases.

Collemos o bus e fomos comer ao parque da Ramallosa, onde descansamos dúas horas.

Retomamos o camiño de volta ata Praia América. Alí xogamos coa area, tomamos o sol…, pero non puidemos bañarnos!!

Por último sacámonos unha foto conxunta de tódolos participantes na saída  e subimos ao bus para regresar ao punto de partida,  o instituto.

Foi moi entretido, aprendemos moitas cousas e, o mais importante, pasámolo xenial!!!

       ENERITZ SOMOZA (1º ESO B)

NURIA GONZÁLEZ (1º ESO C)

lunes, 3 de junio de 2013

CLUB DE LECTURA DO PROFESORADO. 2ª XUNTANZA

Hoxe volveuse reunir o profesorado que pertence ao CLUB DE LECTURA. Comentouse polo miúdo o libro marcado para esta ocasión, en comida de traballo e logo en sobremesa ao aire "libro", nas pistas de deporte.

SHAFFER, Mary Ann. La sociedad literaria y el pastel de piel de patata de Guernsey.

 


Foi, como na anterior ocasión, un suculento xantar moi agradable que serviron CELIA e TINA.

Hai agora propostas abondas para lermos durante os meses de verán. Iremos á praia acompañados sempre dos nosos libros ou cos nosos lectores electrónicos. Son os deberes que nós mesmos nos impoñemos, como alumnado ben aplicado.
A lerrrrrrrrrrrr!!!


DÍA MUNDIAL SEN TABACO. 1º ESO CONMEMÓRAO E DIVÍRTESE NUNHA ENTRETIDA XINCANA

 
O Departamento de Educación Física sumouse ao PROXECTO CLASES SEN FUME que se vén desenvolvendo ao longo deste curso no noso centro, como xa puidestes comprobar en distintos post deste blogue.
ALEJANDRO e FERNANDO organizaron unha moi divertida xincana con todo o alumnado de 1º da ESO para celebrar o DÍA MUNDIAL SEN TABACO, actividade coa quedou pechado o Proxecto "Clases sen fume".
Pasárono realmente ben: comeron lacasitos, pero sen mans; explotaron globos, pero coas pousadeiras; comeron galletas sen as mans, de boca a boca, e despois tiñan que dicir coa maior claridade posible "Pamplona" ["Fafofa" dicían algúns...]. Os xuíces decatáronse de que facían bastantes trampas, pero do que se trataba tamén era de se divertir.
O equipo ganador era o capitaneado por NÉSTOR DOMÍNGUEZ, de 1º ESO C.


 
 

 

domingo, 2 de junio de 2013

A NOSA BIBLIOTECA PRESENTA: "ÁFRICA ME ENAMORA"


O GRUPO DA BIBLIOTECA presentou o pasado 25 de maio, DÍA INTERNACIONAL DE ÁFRICA, unha exposición que contén unha escolma da mellor poesía africana de amor de todos os tempos.
Foi o alumnado dos 4os. da ESO, coordinados fundamentalmente pola nosa profesora de Galego ESTHER o que buscou, profundou e traballou arreo para acadar o resultado que podedes ver no mural de exposición da Biblioteca: unha excelente e coidada selección de poemas de amor das distintas literaturas africanas.
Agradecemos desde aquí tamén á CASA ÁFRICA de Las Palmas de Gran Canaria, e en especial a ESTEFANÍA CALCINES, a súa inestimable axuda e colaboración para poder realizar este traballo, polo seu tempo dedicado a nos fornecer información, poemas, escolmas, traducións e polos seus ánimos e ideas. Eles tamén nos citan na súa páxina web: picade neste enlace para entrar na web da CASA ÁFRICA:
http://www.casafrica.es/agenda_europa_africa.jsp?DS26.PROID=733564

Desde hoxe estamos un pouco máis perto de África.
 

TEATRO PROFESIONAL NO ICC: "A FILLA DE WOODY ALLEN", DE IBUPROFENO TEATRO



Organizado pola BIBLIOTECA e en colaboración cos departamentos de HISTORIA, CASTELÁN e GALEGO, a compañía profesional IBUPROFENO TEATRO representou no noso centro a obra A FILLA DE WOODY ALLEN.
Serviu tamén esta representación a modo de homenaxe polas Letras Galegas, dedicadas este ano ao noso dramaturgo ROBERTO VIDAL BOLAÑO.

Esta compañía, formada fundamentalmente por MARIÁN BAÑOBRE e mais por SANTIAGO CORTEGOSO, obtivo os galardóns de "mellor actriz" para Marián e "mellor texto orixinal" para Santiago nos PREMIOS MARÍA CASARES 2013.
A obra que representaron, pola súa banda, foi finalista nos PREMIOS MAX DE TEATRO no ano 2011, pouco despois da súa estrea.
A representación, XENIAL!!!


Moitos de nós estabamos poñéndonos na situación da actriz e sufriamos por ela: un apaixonante monólogo de 70 minutos, en moitas ocasións de trepidante ritmo, que soportou ela soa no escenario. Os cambios de ritmo, os diferentes gags, as diferentes personalidades e matices do personaxe fixeron tremendamente ameno o monólogo, entre outras cousas porque semellaba que eran varios personaxes os que poboaban o escenario.
O noso alumnado tivo ocasión de ver teatro do bo, teatro representado por auténticos profesionais.
A obra é un continuo guiño á personalidade de Woody Allen, un percorrido pola súa vida e pola súa obra, pero non cumpría saber nada desta estrela do cine, nin ter visto as súas películas, nin como actor nin como director; a obra ten sentido de seu, malia alguén non saber sequera quen é Woody Allen.
Á parte do total respecto do alumnado durante a representación (non se escoitaba un chío, nin nas pausas do diálogo), algo que foi encomiado pola actriz e mais polo propio director da obra, a obra e a representación entusiasmaron a un público totalmente entregado que pagou cunha longuísima e inacabable ovación, en pé, a entrega de Marián no escenario. Algúns abraiaron coas longas e interminables volteretas sobre si mesma coas que remataba a obra.


Quedou pouco tempo para o diálogo e para as preguntas, pero algúns e algunhas tiveron sorte e puideron escoitar as respostas duns auténticos profesionais do noso teatro.

GRAZAS, MARIÁN e SANTIAGO pola expléndida velada! Agora xa sabemos o que é ver teatro "de verdade".

CARLOS VILA SEXTO VISITA EXITOSAMENTE O NOSO CENTRO


2º da ESO tivo como libro de lectura de Galego durante a 3ª avaliación a obra de CARLOS VILA SEXTO As sete mortes, editada por Editorial Galaxia.
 
Foron 85 alumnos e alumnas os que leron esta obra. Foi tanto o éxito que acadou entre os nosos lectores que a nosa profesora BEATRIZ, en coordinación coa Biblioteca e mais co Equipo de Normalización Lingüística, decidiu traelo ao centro para que nos falase da súa obra.

Fixéronse os contactos precisos coa editorial e o xoves 23 de maio tiñámolo canda nós.
Para agasallalo pola súa amable visita, o alumnado de 2º ESO ofreceulle nunha presentación informática as gravacións das súas opinións sobre a obra, acompañadas de ilustracións referentes á mesma, así como de fotografías dos diferentes lugares que aparecían na novela.
 
                                      
 
Logo xa tomou a palabra CARLOS, que nos falou sobre a súa formación, sobre as obras que leu de pequeno e que logo acabarían por influír na súa escrita: Harry Potter, Sherlok Holmes, O nome da rosa, O código da Vinci, Resplandor, Momo, A volta ao mundo en 80 días ou 20 mil leguas... Tamén falou dos videoxogos: Monkey Island, Assassine ou The Crowds de películas ou series de TV: Indiana Jones, Friends, Os Goonies, etc.
Logo centrouse xa no libro, nos feitos que o inspiraron, como a viaxe que realizou coa súa muller a Galicia, a súa inspiración na Torre de Hércules ou no personaxe de Breogán e confesounos que moitos dos nomes dos protagonistas da obra están inspirados en familiares ou amigos.
Falounos tamén do seu oficio de guionista, das claves para saber manter o interese e conseguir que os telespectadores non cambien de canle unha vez chegados os anuncios.
 
 
Ensinounos tamén algunhas das notas que foi tomando antes da escrita do libro As sete mortes, como foi elaborando o argumento, etc. e recoñeceu que os espazos da novela eran reais, identificables na xeografía galega.
Co tempo xustiño, acabou respondendo preguntas sobre a obra e asinando libros a cantos se achegaron onda el. Eran tantos que por pouco algúns perden o autobús.
 
 
GRAZAS, CARLOS, POR FACERNOS PASAR UNHA TARDE TAN AGRADABLE, POR FACERNOS SABER MÁIS DE TI E DA TÚA OBRA E POR METERNOS O BECHO DA LECTURA NO CORPO!!!