miércoles, 22 de diciembre de 2010

YELKO VEIGA QUINTAS (2º BACH E) GANA UN PREMIO DO CONCURSO "A QUÍMICA A TRAVÉS DO CÓMIC"


"Tiveron que pasar 40 anos dende a patente do CELULOIDE (piroxilina: nitrato de celulosa con alcanfor e alcohol) e o descubrimento da BAQUELITA para que no ano 1920 HERMANN STAUDIGNER descubrira a súa descomposición en macromoléculas. Xa nos anos 30 se empregaba o NAILON nos paracaídas das forzas armadas estadounidenses da 2ª Guerra Mundial e aparecen as medias, para chegar ao POLIETILENO e o PROPILENO (os dous plásticos máis empregados na actualidade e premio Nobel de Química en 1963)" [Texto que acompaña a páxina do calendario]


YELKO VEIGA QUINTAS, alumno de 2º BACH E, ganou un dos 12 premios do CONCURSO DE CÓMIC: “A Química a través do Cómic” que con motivo do Ano Internacional da Química, convocaba o Colexio Oficial de Químicos de Galicia – Asociación de Químicos de Galicia para elaborar un calendario do ano 2011. O calendario conta con doce follas, unha por cada mes, e cada unha delas tiña que estar dedicada a un elemento ou composto químico.
O traballo presentado por Yelko foi elixido entre máis de 120 participantes de toda Galicia. Noraboa, Yelko!
Poden verse os traballos premiados en NATURNOVA, Centro Interactivo de Educación Medioambiental de NOVA CAIXA GALICIA, en Vigo, no Centro Social desta entidade bancaria.
Temos moi bos alumnos no noso instituto, temos nivel!

jueves, 16 de diciembre de 2010

NADAL + LIBROS -> BOA IDEA!, APÚNTOME

Pois si, éche unha moi boa idea: neste Nadal, pon un libro na túa mesa de noite, no teu recuncho, no teu sofá preferido... onde queiras, pero PON UN LIBRO NO TEU NADAL. Esa é a idea que o instituto nos quere transmitir para este Nadal. Xa temos ambiente nadaleiro no instituto, como poderiades observar. E que luxo de lámpada de Nadal, de deseño puro! Pois xa sabedes, velaí tedes a caixa para que introduzades nela as vosas suxestións de libros para que o noso centro os merque e os ofreza en préstamo na nosa biblioteca, e unha morea de libros estrados na mesa para que collades o que vos pete. FELICES FESTAS A TODOS!

domingo, 28 de noviembre de 2010

1º ESO A NA ESCOLA DE ARTES E OFICIOS DE VIGO


O pasado xoves 25 de novembro, organizada polo departamento de Plástica e a Vicedirección, dentro do programa VIGO POR DENTRO, o alumnado de 1º ESO A, acompañado pola súa profesora Almudena, realizaron unha visita cultural á ESCOLA DE ARTES E OFICIOS de Vigo. Eramos o primeiro centro que realizaba unha visita a esta institución dentro do programa "Vigo por dentro", que por outra parte é das poucas do devandito programa que se adecúa aos contidos da materia de Plástica en si.
A visita comezou o seu percorrido pola biblioteca para logo visitarmos as aulas de debuxo, pintura (a esta aula corresponde a momentánea que enriba inserimos) e, por último, talla. Os nosos alumnos e alumnas aproveitaron a visita, pero quedaron coas ganas de tocar coas mans algunha obra e tamén de probar algunhas técnicas... Así acometerán con moitas máis ganas os programas da materia cando cheguen a 4º da ESO, pois daquela xa terán utilizado pastel, óleo e mesmo terán feito algo de talla e de gravado.
Na viaxe de volta no autobús cara ao instiuto aproveitamos para felicitar a MARÍA e mais a SARA polos seus respectivos aniversarios.

miércoles, 24 de noviembre de 2010

3ºA NA BIBLIOTECA PENZOL


O pasado mércores 24 de novembro, organizado pola Vicedirección e mais polo Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do centro, o alumnado de 3º ESO A, acompañado polo xa case amigo e monitor do antedito programa Mikel, realizou unha visita cultural, dentro do programa do Concello de Vigo VIGO POR DENTRO á Casa da Cultura Galega, para facer un percorrido cultural polos fondos e arquivos da FUNDACIÓN FERMÍN PENZOL e dos fondos e arquivos entregados en doazón de FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO. Alí, guiados polo actual director da Fundación Penzol, FRANCISCO DOMÍNGUEZ MARTÍNEZ e mais por MARÍA DOLORES CABRERA, membro do Padroado da Fundación Penzol e comisaria da exposición que visitaron, tiveron ocasión de saberen da vida e do legado de Fermín Penzol. Puideron ver, e case tocar, pergamiños do século XII, un valioso incunable, cartografía antiga, primeiras edicións de moitísimas obras que hoxe xa leron (Un ollo de vidro, Memorias dun neno labrego...) e outros moitos documentos de interese e cartas manuscritas entre galeguistas. Puideron tamén visitar a reprodución do gabinete de Ramón Piñeiro e a Biblioteca e Museo Francisco Fernández del Riego. Foron agasallados con cadanseu exemplar da valiosa publicación titulada: "Fermín Penzol. Unha obra para un país".
Xa sabemos algo máis do que ofrece a nosa cidade: un dos fondos bibliográficos máis importantes sobre o galego e a cultura galega.

martes, 16 de noviembre de 2010

CONTACONTOS EN INGLÉS E GALEGO


O pasado luns 15 de novembro, o DEPARTAMENTO DE INGLÉS, en colaboración co EQUIPO DE NORMALIZACIÓN do noso istituto, organizou unha entretida e interesante sesión de CONTACONTOS en inglés que era traducida simultaneamente ao galego. Pola parte inglesa "contaba" o xa prestixioso TIM BOWLEY, e traducía simultaneamente e coa mesa graza e cos mesmos tics ao galego CHARO PITA.
Este dúo vén percorrendo centros de ensino e outros foros desde hai xa anos, exercendo a vella tradición do conto oral, tradicional e popular; coa vantaxe de que o fan en inglés, estupendo exercicio de "listening" e simultaneamente o traducen ao galego.
Non se trata só de contar contos, trátase de divertir ensinando, e esta parella de profesionais sabe facelo realmente ben. Houbo dúas sesións: unha primeira para 3º e 4º da ESO e outra posterior para 1º e 2º de Bacharelato.
Pasámolo realmente ben, e aprendimos!... que diso se trataba.

lunes, 15 de noviembre de 2010

2º A NA "VILLA" ROMANA DE TORALLA



O pasado luns 15 de novembro, o alumnado de 2º ESO A, dentro do programa educativo do Concello de Vigo, VIGO POR DENTRO, e en colaboración co Equipo de Normalización do noso instituto, fixo unha visita pedagóxica ao xacemento da villa romana de Toralla na coñecida polo nome de "Finca Mirambell". Alí, guiados polo ameno e documentado dicir de Mikel, o monitor do programa, percorrimos todas as estancias desta villa a mare, as distintas estancias da casa dun dominus da época: os dormitorios, o almacén, o graneiro, o triclinium, as vivendas da servidume, as sorprendentes termas que ocupaban case a metade desta especie de mansión romana, o seu avanzado sistema de "calefacción" e, por suposto, a explotación das salinas, pegadas á vivenda, unha das principais actividades económicas da cultura galaico-romama nesta época. Esta villa estivo habitada aproximadamente desde o ano 300 d. C. ata o 450. Imos coñecendo máis dos nosos pretéritos devanceiros.

sábado, 13 de noviembre de 2010

HOMENAXE AOS PROFESORES MARINA E ANXO

O pasado venres 12 de novembro o claustro de actuais profesores do IES CARLOS CASARES de Vigo así como profesoras e profesores que pasaron polo noso centro en cursos anteriores, celebramos unha merecida homenaxe aos nosos profesores MARINA DEAÑO GAMALLO, que recentemente se acaba de xubilar, e mais a ANXO ANGUEIRA VITURRO, por pasar a ser profesor da Universidade de Vigo, e deixar de ser, en consecuencia, membro do noso claustro.

3º B: AO REENCONTRO COAS ORIXES



O pasado martes 9 de novembro, os alumnos e alumnas de 3º B dentro do programa do Concello de Vigo VIGO POR DENTRO e en colaboración co Equipo de Normaliación do noso instituto, visitaron o xacemento existente no monte do Castro para coñeceren máis de cerca as orixes da nosa cidade. Sorteando o temporal, ás veces a campo aberto, ás veces gorecidos nas propias casas do poboado recentemente reconstruído, escoitaron con suma atención as explicacións que Eduardo, o guía do xacemento, e mais Mikel, o monitor do programa "Vigo por dentro", lles ofrecían.
A visita resultou sumamente interesante para o noso alumnado, que non paraba de formular preguntas a ambos os dous monitores. A maioría ignoraba a existencia desta recente musealización do monte do Castro. A única nota negativa foi que o tempo programado da visita resultou insuficiente; precisabamos de media hora ou tres cuartos de hora máis para dar conta de todo o que había que ver e saber do xacemento. Xa comentaban os monitores que con grupos tan interesados ás veces non abondaba o tempo programado. Xa notificamos ao programa esta cuestión para que en visitas posteriores doutros grupos teñan a ben ampliar o horario de visita.
Xa coñecemos algo máis dos nosos antergos da CULTURA CASTREXA pois xa sabedes que non eran "exactamente" celtas, ou posiblemente non tivesen nada de celtas, aínda que segundo nos comentaban, hai teorías sobre a cuestión.

domingo, 7 de noviembre de 2010

OUTRA DE SAMAGOSTÍN MADE IN ICC






















Confirmado: a tradición do SAMAGOSTÍN está xa instaurada no noso instituto; xa todo o mundo sabe que se vai celebrar a festa, xa todo o mundo comeza con antelación a pensar no seu disfrace, así como a preparar as coreografías dos bailes, a pensar en cabazas orixinais... Pasámolo ben! Había bo ambiente, se cadra había poucas cabazas, aínda que había unha que valía por todas, era unha cabaza humana, Almudena!
Ah! e estreamos presentadores. Por fin unha parella de 1º Bach, Teresa e Yago, se deciden a presentar os eventos e festivais do instituto. Grazas, valentes! Xa era hora de que os festivais e concursos do alumnado os presentase o alumnado! Teresa, ademais de presentar sorprendeunos cun enorme ventre do que todos pensabamos que sairía un bebé diabólico, pero non, o que máis tarde sairía serían as tripas.
Os premios foron:

1º PREMIO DE CABAZAS:
LAURA CARPINTERO (3º B): "Cabaza Tutankamón"
DISFRACES:
1º PREMIO: GRUPO DE BAILE "ANÓNIMAS DE HALLOWEEN"
2º PREMIO: NOIVA CADÁVER: SALOMÉ CARRERA (1º ESO C)
3º PREMIO: ESPANTALLO DE MEDO: ÁNGEL SOTO (2º BACH)

Haberá que ir pensando xa nas coreografías, nas cabazas e nos disfraces para o ano que vén!

jueves, 3 de junio de 2010

CARMEN GARCÍA, DE 1º ESO A, GAÑADORA ABSOLUTA GALEGA DO CONCURSO "¿QUÉ ES UN REY PARA TI?"


A nosa alumna de 1º ESO A CARMEN GARCÍA GONZÁLEZ acaba de gañar o 1º premio absoluto do concurso "¿QUÉ ES UN REY PARA TI?" a nivel galego. O seu traballo foi premiado de entre máis doutros 2.000 traballos a nivel de Galicia e será recibida polo rei o vindeiro 28 de xuño, canda outros finalistas doutras comuninades autónomas.
O seu traballo é unha biografía do rei despregable á que lle dedicou moito tempo.
O que son as coincidencias da vida, algúns dos seus devanceiros traballaron no seu día para a casa real.
NORABOA, CARMELA! E GRAZAS POR ESPALLAR O NOME DO NOSO CENTRO POLOS MEDIA!
Velaquí o enlace á noticia no FARO DE VIGO:
http://www.farodevigo.es/gran-vigo/2010/06/01/zarzuela-biografia-desplegable/443736.html

martes, 25 de mayo de 2010

Orlas 2010


Si queres ver mais fotos que as da revista e, en cores....non o dubides e entra na Galería do IES Carlos Casares.

A revista do IES Carlos Casares do 2010

miércoles, 19 de mayo de 2010

"Sueños de paz" de Teresa García González

Teresa García González de 4ºB gañou a fase rexional dos premios "Ejercito 2010" na categoría "Enseñanza escolar" co conto ilustrado "Sueños de Paz". Agora, "o noso conto" concursará cos outros sete traballos gañadores a nivel nacional. Sorte! Pódelo ver máis abaixo.