domingo, 20 de octubre de 2013

EXPO-ESCOLMA DE POEMAS DO GRUPO DA BIBLIOTECA



Paseniño, paseniño, o Grupo da Biblioteca comeza coas súas actividades. Hai ideas que ferven no grupo, pero polo de agora achégannos unha manchea de poemas de autores varios, entre os que se atopan os poemas dos dous gañadores da XIV edición dos Premios Carlos Casares: YAGO GUIRADO e mais MARIYA ILIEVA.
Esta escolma podémola ler na entrada do centro en panel que aquí vos amosamos.







TODOS DISFRAZADOS NO SAMAGOSTÍN!!!



SAMAGOSTÍN 2013














Como vén sendo habitual desde hai xa uns anos, o noso centro celebrará a festa do Samagostín (Samaín + Magosto). Será desta volta o vindeiro mércores 30 de outubro, a partir das 11:30 am.
Este ano hai novidades, alén do xa tradicional concurso de CABAZAS e de DISFRACES, por grupos e individuais, súmase desta vez un novo concurso: TORTAS ELABORADAS CON CASTAÑAS, castañas que serán ofrecidas a pedimento dos interesados pola nosa ANPA. Iso si, claro, para que poidan recadar cartos para as súas respectivas viaxes, só poderá participar neste novo e singular concurso o alumnado de 2º e 4º da ESO, para axuda ao pagamento das súas respectivas viaxes: a neve e mais Londres.
Así que, xa sabedes, todo o mundo disfrazado de algo que dea medo, todo o mundo elaborando cabazas artísticas e todo o alumnado de 2º e 4º da ESO na procura de receitas culinarias de tortas con castañas como ingrediente.
APÚNTATE, ÍMOLO PASAR XENIAL!!!


Pequena referencia histórica

O día 1 de novembro era o primeiro de ano do calendario celta. Celébrase a tradicional noite de Samaín na que ocorren cousas máxicas.
Os celtas crían que esa noite a fiestra que separaba o mundo dos vivos do mundo dos mortos desaparecía e que a véspera de Samaín as almas dos mortos regresaban a visitar fogares terreais. Para manter os espíritos contentos deixábanlles comida e doces fóra dos fogares.
Despois, logo da conquista, os romanos exerceron a súa influencia no mundo celta cos festivais á deusa romana da colleita, Parmona, e máis adiante os cristiáns (que consideraban que os celtas adoraban ao demo, aínda que este nunca existiu na relixión céltica) converteron a festa no día de Todos os Santos, de onde deriva o nome de Halloween en inglés.

Sabemos  que unha vez ao ano se xuntan os mortos para facer un magosto nunha lubre ao pé do castiñeiro máis vello de Galicia. Cada trasno ou meiga leva algo de xantar para compartir, só durante esa noite actúan como humanos e non descobren o seu lado maligno.

O mércores 30 de outubro o instituto vai celebrar o SAMAÍN con trasgos e meigas.
DISFRÁZATE, baila, cóntanos unha historia de medo, fai algo que teña que ver cos mortos, fai a túa aparición só ou en grupo. HABERÁ PREMIOS EN METÁLICO.

Celia e Tina: non varrades a cociña, iso podería afastar os “ visitantes”.

Amparo e Pepe: non pechedes a cancela; se se pecha de golpe, pode mancarse unha ánima que estea a entrar no instituto.     

sábado, 19 de octubre de 2013

UMA LIÇÃO DE PORTUGUÊS

O PORTUGUÊS SIMPLES







O Equipo de Normalización Lingüística, ao abeiro das actividades que ofrece o Servizo de Normalización Lingüística do noso concello de Vigo, organizou un obradoiro que levaba por título: O PORTUGUÊS SIMPLES, que impartiu LOAIRA, que pertence á organización CIRANDA, Á VOLTA DO PORTUGUÊS.
O noso alumnado de 3º ESO A asistiu a este obradoiro onde quedou demostrado que o galego é un instrumento idóneo de paso ao portugués, e onde quedou demostrado tamén que sabendo galego, "case" sabemos portugués. 
A través da charla amena de Loira, apoaida sempre por música, textos, imaxes... en pantalla, fómonos decatando de que non hai tanto afastamento entre galego e portugués. Aprendimos tamén moitos datos acerca da lusofonía, os falsos amigos do portugués co galego, a pronuncia do portugués a través do galego e, fundamental, que se sabemos portugués ou nos achegamos a el, teremos acceso a unha cultura en auxe, a quinta lingua máis falado do mundo.
Temos a porta aberta ao portugués. Está nas nosas mans.




lunes, 23 de septiembre de 2013

FINOU O NOSO QUERIDO PROFESOR DE INGLÉS BENEDICTO

Este pasado sábado 21 de setembro, como consecuencia de doenzas de corazón, finou o noso querido profesor de Inglés, BENEDICTO.

sábado, 6 de julio de 2013

ESTREA E ENLACE PARA VER O NOSO "LIP DUB"











Como ben sabedes todas e todos, o pasado luns 10 de xuño grabouse o primeiro LIP DUB no noso centro, facendo un percorrido por todas as dependencias e actividades do centro, a modo de presentación festiva. Foi todo un éxito.
Logo do traballo de posprodución, velaquí tedes o enlace para velo.



E OUTRO PREMIO: 3º PREMIO DE PAISAXE DENTRO DO PLAN PROXECTA "12 MESES, 12 PAISAXES"

Desta actividade na que estaba inmerso o noso centro, o PLAN PROXECTA, en distintas modalidades do mesmo, en concreto na modalidade "12 meses, 12 paisaxes"  xa vos demos conta tamén nun post anterior (inserimos fotos desta actividade). Conseguimos o 3º premio. Agasalláronnos cunha figura alegórica, un lote de libros para a biblioteca e a asistencia á IX XORNADA DE SOSTENIBILIDADE E PAISAXE, que se celebrou na vila de Pontevedra. Nesas xornadas, MARTA ALONSO  e CLAUDIA CAMESELLE ( DE 2º ESO as dúas) expuxeron o traballo realizado no noso recuncho forestal ao longo deste pasado curso.
Velaquí os enlaces aos murais que se realizaron para a exposición:




 
Alí nos reunimos todos os centros de Primaria e Secundaria de Galicia (dos 82 que traballamos a sostenibilidade) premiados por eficiencia enerxética, selección de residuos ou paisaxe e houbo unha repesentación de Cataluña, País Vasco, Albacete, La Rioja... Leváronse a cabo obradoiros para compartir e ensinar experiencias. Nós ensinamos a medir árbores, outros ensinaron a facer xabón e mesmo aprendimos a baixar as emisións de CO2 cun pequeno xesto na iluminaria fluorescente das aulas que queremos levar a cabo o vindeiro curso no noso centro.

Velaquí outro enlace

 

Pois, como podedes observar, en xeral o paso do noso centro polo PLAN PROXECTA foi todo un éxito: seis programas, tres premios (en dous dese programas non se conceden premios). Iso demostra que temos moi bo alumnado no noso centro e que a aprendizaxe transversal e cooperativa se nos dá ben.

OUTRO PREMIO, DESTA VEZ A 1º ESO C: Á MELLOR ACTIVIDADE CREATIVA DO CONCURSO "CLASES SEN FUME"


Tamén nun post anterior dabamos conta da participación de 1º ESO C no concurso "CLASES SEN FUME", e xa indicabamos alí que había moitas posibilidades de gañar este premio. Pois así foi: 1º ESO C levou o 1º premio, consistente en pasar 5 días no albergue das Mariñas, en Sada, pegadiño á praia, e alí estiveron do 24 ao 29 de xuño. Alí coincidiron con outras dúas clases de dous centros tamén premiados no mesmo concurso e ao chegaren os monitores mesturaron os centros nos cuartos e aí comezou unha moi arraigada convivencia.
Cremos que se trata dun estupendo premio que segue fortalecendo valores que o programa "Clases sen fume" potencia: cooperación, esforzo, compañeirismo, en fin que agradecemos á Consellería de Sanidade que leve a cabo actividades coma esta.

Velaquí o enlace da noticia:



Podedes ver o traballo premiado no post anterior onde dabamos conta da participación neste concurso.