viernes, 8 de junio de 2012

TEATRO EN INGLÉS




O luns día 6 de febreiro os alumnos de terceiro e cuarto da ESO xunto cos de primeiro e segundo de bacharelato tivemos a oportunidade de asistir a unha obra de teatro en inglés no auditorio do instituto. Os actores, dous homes e unha muller cun fantástico acento inglés, fixeron todo o posible por ternos entretidos con tres sketchs moi divertidos, que recollían diversas perspectivas sobre o amor. O primeiro dos contos facía referencia ao xa coñecido romance entre Cleopatra e Marco Antonio; o segundo achegábanos a unhas irmás da campiña inglesa desexosas de atopar o seu amor verdadeiro e no último, o roubo dun sobre de contido secreto e a súa busca foi o principal fío argumental que se sumou ao anterior.

Non se pode falar desta obra sen facer referencia a un elemento, cando menos curioso, que as conectaba: Justin Bieber. Así dito pode soar moi estraño, e de feito penso que ninguén dos que alí estabamos se imaxinaba que Marco Antonio podía rematar bailando o famoso “Baby, baby ...ohh”deste homiño. Agora ben, pasados a impresión e o chiste do primeiro momento, fíxose repetitivo ata a saciedade, dende o meu punto de vista.

De todos os xeitos, fixéronnos pasar bos momentos, ademais de perder unha clase, e fíxonos poñer en práctica todos eses coñecementos que temos sobre a lingua dos “guiris”.


CANDELA CRESPO CASTRO (2º BACH D)

CONTACONTOS EN INGLÉS





Organizado polo Departamento de Inglés, en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística, os alumnos e alumnas de 3º e 4º da ESO, xunto con 1º e 2º de Bacharelato, puidemos disfrutar dunha sesión de contacontos en inglés no auditorio do noso instituto. A parella bilingüe (TIM BOWLEY e CHARO PITA)

visitounos un ano máis para ofrecernos un espectáculo agradable cun toque cómico. O curioso do asunto é que mentres que TIM conta unas divertidas historias en inglés, CHARO tradúceas ao galego (para sorte de moitos). Foi unha actividade bastante divertida pois escenifican e dramatizan moito as súas narracións, acompáñanas de sons e xestos que fixeron que entendésemos mellor os relatos sobre meigas, príncipes e reis ou paxaros que queren ser algo máis que simples paxaros. Todo iso, claro está, á vez que practicamos o idioma. Sinceramente, foron fantásticos!

CANDELA CRESPO CASTRO (2º BACH D)

YAGO GUIRADO RODRÍGUEZ (2º BACH E)

                                                         


ALUMNADO DE 4º ESO EN INGLATERRA. PROGRAMA DE INMERSIÓN LINGÜÍSTICA EN INGLÉS (dúas versións)






[1]

En setembro, tiven a sorte de ir con compañeiros do instituto como Pepe, Abraham ou Martín Georg, a Inglaterra, concretamente á cidade de Exeter, a capital de Devon, gozando dunha bolsa de estudos concedida polo Concello de Vigo. Alí estivemos tres semanas, en casas das nosas respectivas familias de acollida. Eu, en concreto, primeiro estiven na casa de acollida de Martín durante catro días, debido a que a miña "familia" estaba de vacacións. A nosa coordinadora chamabase Carol, as nosas monitoras Xandra e Paloma. A Exeter fomos 26 rapaces de diferentes centros de Vigo, como do IES Santa Irene, IES O Castro e, por suposto, o IES Carlos Casares. Acomodáronnos en dous colexios, o "St Peters" e o "Magdalen School", aos que asistiamos a clase con rapaces ingleses das nosas idades. Durante as tres semanas fixemos varias excursións, fomos a Plymouth, a una cidade da costa onde subimos a unha noria, a Darmouth onde, fomos á praia, tamén fomos a unha granxa na costa e a diversos sitios máis; fixemos ceas... Un mércores Carol levounos a un restaurante que ela coñecía onde xogamos a antigos xogos ingleses. Outro día fomos a unha “bolera” e durante a nosa estancia fixemos dúas sesións de discoteca, ás que podiamos invitar os nosos amigos ingleses e pasabámolo en grande. Non fomos a Londres, debido a que eran catro horas de viaxe e non nos compensaba, pero fomos a lugares se cadra máis interesantes. Na cidade adoitabamos estar nos arredores da catedral ou pola rúa principal (High Street); tamén estivemos moitas veces nuns xardíns que pertencían a un antigo castelo.

Foi una experiencia única que me gustaría repetir, porque coñeces moita xente e moito mundo e melloras moito o teu inglés. E gustaríame que tódolos rapaces coma min vivisen a mesma experiencia.

ABEL CASAL ROMÁN (4º ESO B)


[2]
O 13 de setembro collemos o avión que nos levaría a Inglaterra, grazas á bolsa de estudos PILI do Concello de Vigo, onde estivemos ata o día 4 de outubro.
O meu grupo e mais eu, que eramos 24 rapaces, fomo á cidade de Henley in Arden, unha pintoresca vila, moi famosa polos seus xeados, que, by the way, estaban boísimos.
Como ao resto dos meus compañeiros, dividíronnos en familias, e cada mañá iamos ao colexio, cos demais rapaces ingleses. O instituto era moi diferente ao noso, realmente era moi divertido, xa que todos estaban sorprendidos, e preguntábanche moitas cousas. As tardes tiñámolas libres, e podiamos quedar cos amigos, ou pasar tempo en familia.
Co meu grupo, fomos visitar a famosa cidade de Oxford, a súa universidade; realmente era incrible, moi fermosa, e decenas de lugares máis. Tamén, a uns quince minutos en bus, tíñamos a cidade de Stratford, na cal había moitas máis tendas. Esta cidade é famosa, porque é onde está enterrado William Shakespeare, e onde está tamén a casa da súa filla. Nós pasabamos as tardes nun parque, e nunha tenda de batidos, moi simpática.
Realmente esta experiencia é marabillosa, única, e síntome privilexiada por ter gozado desta estadía que durosu tres semanas, cunha familia marabillosa, e nun lugar precioso.
Recoméndoo a todo o mundo que teña esta oportunidade, porque realmente vale a pena, de verdade; a min, e estou segura de que a moitos dos meus compañeiros, deixounos marcado ese tempo nas nosas vidas que nunca esqueceremos.

CELIA ALONSO ALONSO (4º ESO B)

jueves, 7 de junio de 2012

OUTRO CLÁSICO: 4º ESO VISITA LONDRES


Viaxe a Londres, 4ºESO

            O martes 10 de abril saímos ás once da mañá do instituto cara a Porto. Unha vez alí fomos ao aeroporto de Gatwick. Chegamos ás catro e media da tarde a Londres. Estivemos esperando o autobús dúas horas por unha confusión do condutor, pero ao final mereceu a pena porque vimos a Buenafuente e mais a Berto Romero. Como xa era tarde, a nosa visita a China Town non foi viable e dirixímonos cara ó hotel, onde había máis españois ca ingleses. Había xente de Sevilla, Alacant, Galicia…

       O día seguinte visitamos o British Museum, pero tivemos que esperar a Solines (Marisol), xa que tivo que atender a un dos nosos rapaces que tiña uns problemas “de collóns”. Pola tarde visitamos a torre de Londres e demos un longo, longo e, repetimos, moi longo paseo polas ribeiras do Támesis. Logo viaxamos en metro (moi difícil de controlar os primeiros días), ata St Paul’s Cathedral e Covent Garden. Ás nove ceamos no hotel. Ao ver saír os camareiros da cociña ben coordinados e vestidos, pensabamos que iamos comer delicatessen, pero cando nos serviron os pratos estes contiñan: un reboliño de paté, un trociño de laranxa, leituga sen aliñar, listas de remolacha e tomates cherry, aí, nese mesmo momento, decatámonos de que iamos pasar fame nos vindeiros días.

       O xoves 12 fomos ao Buckingham Palace e esperamos unha hora ata as once para o cambio de quenda dos gardas (que era o acontecemento máis importante do día). Prometedor, non si? Pois non; só había cabalos, soldadiños vermellos e un rebullón de xente que non deixaba ver. Máis tarde admiramos o esperado Big Ben durante cinco-seis segundos e camiñamos ata o St James’s Park, onde disfrutamos da deliciosa comida do McDonald’s, xa que non nos fiabamos dos restaurantes hindús. Despois disto encamiñámonos cara ao London Eye, esperando velocidade, vertixe e diversión. A diversión durou corenta minutos, a unha velocidade de 0,1 Km/h e encerrados nunha cápsula con outras vinte persoas. Iso si, con vistas espectaculares: a grandiosa cidade de Londres, co seu Big Ben, o río Támesis e demais edificios emblemáticos. Ao rematar collemos o metro ata Picadilly Circus, onde se atopa Vigo Street, unha rúa na que cando dis o nome xa a pasaches, un bo detalle por parte dos ingleses, iso si. Ás nove regresemos ao hotel cunhas ganas tremendas da nosa espectacular cea: delicioso peixe a medio cocer cunha estraña salsa branca por riba. Merecedor dunha estrela Michelin.

       O venres acercámonos ao Natural History Museum, moi grande e con moitas estatuas, cadros, paos… e asentos, moi cómodos e serviciais, por certo. Ao rematar, algúns dirixíronse a Harrods, mentres outros disfrutaban da tarde libre. A maioría fomos ao mercadillo, onde os que regateaban eran os dependentes, e piropeaban a calquera ser andante que se arrimase ao seu posto. Pero coidado, non lles deas corda, porque non te deixan saír do seu territorio se non lle compras algo antes. Ao rematar de mercar os últimos regaliños, tivemos o resto da tarde para marearnos no metro (ao que xa nos acostumamos e nos encantaba viaxar nel, todas as veces que quixeramos no mesmo día). Cando deron as nove e chegamos ao hotel, decatámonos de que era o último día en Londres, e aproveitamos toda a noite para “durmir”.

       Nunca esqueceremos todas as noites vagando polos corredores do hotel, escondéndonos da xente ás tantas da mañá e chamando co teléfono do hotel dun cuarto ao do lado para gastar bromas… baixando en pixama á planta baixa, e intentando facer rir ao garda que estaba durmindo, para facer que o seu traballo se fixese máis ameno. Pero, sen molestar, eh!

       O día seguinte espertamos pronto aos que non pasaran a noite en vela e ás sete almorzamos as nosas tostadas con leite frío e sen Cola Cao, para que? Suponse que é un almorzo continental… en que continente non toman Cola Cao??? Non atopamos a folla de reclamacións… en realidade, non cremos que a tivesen, xa se decataran de que non gañarían para papeis. Aínda así, o feito de ter unha propia máquina de quentar auga para té no noso cuarto, demostra o alto nivel. Á unha e media da tarde aterramos en Portugal, e ás catro chegamos ao instituto, onde esperaban as nosas familias cun prato de comida na man, conscientes da nosa necesidade alimenticia (xa nos avisaran da calidade da comida antes de despegar).

       Agora si, non vaiades pensar que polo ton sarcástico que empregamos non nos gustou a viaxe, en absoluto, todo o contrario, non cambiariamos esta experiencia por nada do mundo. Pasamos moi bos momento, coñecemos todo tipo de xente, afagando aos camareiros polo seu bo traballo, buscando os vinte e catro horas ás sete da tarde (xa que todo cerraba ás seis e media), e as nosas viaxes sen ningún fin no metro nos que non parabamos de rir. Encantaríanos repetir e recomendámosllo a todo o mundo, excepto ás persoas que dependan da comida no seu día a día ou se sintan baixos de forzas sen ela.

Ah! E moitas grazas a Marisol e a Mercedes por acompañarnos e atendernos. 

LAURA CARPINTERO (4º ESO B)
ANDREA ALONSO (4º ESO A)

UN CLÁSICO: 1os. BACHARELATO EN BARCELONA









Á volta das vacacións de Semana Santa, a conta atrás chegara ó seu fin e moitos dos alumnos de primeiro de bacharelato partimos cara a Barcelona. Todos tiñamos moitas ganas de visitar a cidade condal e de comprobar os rumores da festa que alí prometen. Visitamos cantidade de museos como o Museo de Dalí, o, o Museo Picasso e o Museo da Ciencia, así como o Camp Nou. As visitas ós museos non eran o que máis nos apetecía, pero polo xeral gustáronnos moito. O venres fomos a Port Aventura e creo que coincidimos con que foi das mellores visitas. Pasamos case todo o día alí e disfrutamos de moitas das atracción, en fin, iso os que non eran uns “cagóns”. Moitos de nós disfrutamos tamén das tendas que a cidade ofrece, que non son poucas e incluso fomos a un centro comercial que abría os domingos. Aínda que creo que todos estamos de acordo en que unha das mellores cousas do viaxe foron as noites, tanto no hotel como no porto da cidade, onde bailamos e disfrutamos da música e do ambiente xunto con algúns dos profesores. Ó final da viaxe estabamos todos mortos e sen sentir os pés, pero non queriamos marchar. Así que volvemos a Vigo coma sempre, con moi poucas ganas de rutina.

Grazas a Almudena, Leopoldo e mais a Rosa por nos acompañar na viaxe.

NAHIR MACEIRA CRESPO (1º BACH)

FALADOIRO SOBRE CARLOS CASARES


O colofón das actividades programadas con motivo do X CABODANO DE CARLOS CASARES no mes de marzo levouse a cabo no noso auditorio e consistiu nun FALADOIRO que organizou a Fundación Carlos Casares en colaboración coa Comisión de Normalización Lingüística do centro arredor da figura do autor e no que interviñeron, KRISTINA BERG, viúva do autor e presidenta da Fundación Carlos Casares; GUSTAVO ADOLFO GARRIDO, director xerente da Fundación Carlos Casares e membro do Consello de Redacción da revista GRIAL na etapa de Carlos Casares; autor e director da colección "Galicia no espello" da Editorial Galaxia; MARÍA ELENA CENTOIRA LÓPEZ, licenciada en Filoloxía Inglesa pola USC, mestrado en Tradución e Paratradución na UVigo, ten investigado a figura de Carlos Casares como mediador cultural, no contexto dos esforzos do galeguismo a prol da internacionalización da cultura galega; e ANTONIO MONTERO CARRO, amigo do autor, foi director de Operacións e Investigación de Laboratorios Zeltia S. A., en 1998; con Carlos Casares no Consello da Cultura Galega, encargouse da xerencia da institución, mantendo o cargo ata decembro de 2006, pasando logo a ser director de xestión do Museo de Pontevedra. Paralelamente, puxo en marcha as fundacións de Wenceslao Fernández Flórez (1998) e mais a Illa Couto (2006). Compañeiro de traballo, como xerente, no Consello da Cultura Galega.


GAÑADORES DO CONCURSO DE CARTEIS SOBRE CARLOS CASARES


1º PREMIO: XABIER PRIETO GRANDE (CEIP CHANS-BEMBRIVE)

2º PREMIO: RODRIGO e REBECA LEGERÉN (CEIP O SELLO)

3º PREMIO: AARÓN GUIRADO RODRÍGUEZ (CEIP CHANS-BEMBRIVE)