jueves, 7 de junio de 2012

OUTRO CLÁSICO: 4º ESO VISITA LONDRES


Viaxe a Londres, 4ºESO

            O martes 10 de abril saímos ás once da mañá do instituto cara a Porto. Unha vez alí fomos ao aeroporto de Gatwick. Chegamos ás catro e media da tarde a Londres. Estivemos esperando o autobús dúas horas por unha confusión do condutor, pero ao final mereceu a pena porque vimos a Buenafuente e mais a Berto Romero. Como xa era tarde, a nosa visita a China Town non foi viable e dirixímonos cara ó hotel, onde había máis españois ca ingleses. Había xente de Sevilla, Alacant, Galicia…

       O día seguinte visitamos o British Museum, pero tivemos que esperar a Solines (Marisol), xa que tivo que atender a un dos nosos rapaces que tiña uns problemas “de collóns”. Pola tarde visitamos a torre de Londres e demos un longo, longo e, repetimos, moi longo paseo polas ribeiras do Támesis. Logo viaxamos en metro (moi difícil de controlar os primeiros días), ata St Paul’s Cathedral e Covent Garden. Ás nove ceamos no hotel. Ao ver saír os camareiros da cociña ben coordinados e vestidos, pensabamos que iamos comer delicatessen, pero cando nos serviron os pratos estes contiñan: un reboliño de paté, un trociño de laranxa, leituga sen aliñar, listas de remolacha e tomates cherry, aí, nese mesmo momento, decatámonos de que iamos pasar fame nos vindeiros días.

       O xoves 12 fomos ao Buckingham Palace e esperamos unha hora ata as once para o cambio de quenda dos gardas (que era o acontecemento máis importante do día). Prometedor, non si? Pois non; só había cabalos, soldadiños vermellos e un rebullón de xente que non deixaba ver. Máis tarde admiramos o esperado Big Ben durante cinco-seis segundos e camiñamos ata o St James’s Park, onde disfrutamos da deliciosa comida do McDonald’s, xa que non nos fiabamos dos restaurantes hindús. Despois disto encamiñámonos cara ao London Eye, esperando velocidade, vertixe e diversión. A diversión durou corenta minutos, a unha velocidade de 0,1 Km/h e encerrados nunha cápsula con outras vinte persoas. Iso si, con vistas espectaculares: a grandiosa cidade de Londres, co seu Big Ben, o río Támesis e demais edificios emblemáticos. Ao rematar collemos o metro ata Picadilly Circus, onde se atopa Vigo Street, unha rúa na que cando dis o nome xa a pasaches, un bo detalle por parte dos ingleses, iso si. Ás nove regresemos ao hotel cunhas ganas tremendas da nosa espectacular cea: delicioso peixe a medio cocer cunha estraña salsa branca por riba. Merecedor dunha estrela Michelin.

       O venres acercámonos ao Natural History Museum, moi grande e con moitas estatuas, cadros, paos… e asentos, moi cómodos e serviciais, por certo. Ao rematar, algúns dirixíronse a Harrods, mentres outros disfrutaban da tarde libre. A maioría fomos ao mercadillo, onde os que regateaban eran os dependentes, e piropeaban a calquera ser andante que se arrimase ao seu posto. Pero coidado, non lles deas corda, porque non te deixan saír do seu territorio se non lle compras algo antes. Ao rematar de mercar os últimos regaliños, tivemos o resto da tarde para marearnos no metro (ao que xa nos acostumamos e nos encantaba viaxar nel, todas as veces que quixeramos no mesmo día). Cando deron as nove e chegamos ao hotel, decatámonos de que era o último día en Londres, e aproveitamos toda a noite para “durmir”.

       Nunca esqueceremos todas as noites vagando polos corredores do hotel, escondéndonos da xente ás tantas da mañá e chamando co teléfono do hotel dun cuarto ao do lado para gastar bromas… baixando en pixama á planta baixa, e intentando facer rir ao garda que estaba durmindo, para facer que o seu traballo se fixese máis ameno. Pero, sen molestar, eh!

       O día seguinte espertamos pronto aos que non pasaran a noite en vela e ás sete almorzamos as nosas tostadas con leite frío e sen Cola Cao, para que? Suponse que é un almorzo continental… en que continente non toman Cola Cao??? Non atopamos a folla de reclamacións… en realidade, non cremos que a tivesen, xa se decataran de que non gañarían para papeis. Aínda así, o feito de ter unha propia máquina de quentar auga para té no noso cuarto, demostra o alto nivel. Á unha e media da tarde aterramos en Portugal, e ás catro chegamos ao instituto, onde esperaban as nosas familias cun prato de comida na man, conscientes da nosa necesidade alimenticia (xa nos avisaran da calidade da comida antes de despegar).

       Agora si, non vaiades pensar que polo ton sarcástico que empregamos non nos gustou a viaxe, en absoluto, todo o contrario, non cambiariamos esta experiencia por nada do mundo. Pasamos moi bos momento, coñecemos todo tipo de xente, afagando aos camareiros polo seu bo traballo, buscando os vinte e catro horas ás sete da tarde (xa que todo cerraba ás seis e media), e as nosas viaxes sen ningún fin no metro nos que non parabamos de rir. Encantaríanos repetir e recomendámosllo a todo o mundo, excepto ás persoas que dependan da comida no seu día a día ou se sintan baixos de forzas sen ela.

Ah! E moitas grazas a Marisol e a Mercedes por acompañarnos e atendernos. 

LAURA CARPINTERO (4º ESO B)
ANDREA ALONSO (4º ESO A)

No hay comentarios: