miércoles, 25 de abril de 2007

¡¡Estamos de estrea!!: O LOGO do Instituto




A proposta do Departamento de Plástica e da Comisión de Normalización o Consello Escolar aprobou o que será logotipo do IES CARLOS CASARES; do noso instituto.

O Departamento de Plástica conxuntamente coa Comisión de Normalización Lingüística, decidiron este curso escolar levar a cabo unha idea que hai anos lles viña rondando polas súas cabezas: que o alumnado deseñase o logotipo do noso centro. A tal fin, convocaron un concurso de ideas do que resultaron gañadores ex aequo:

CLARA COPENA (1º ESO A) e ANDRÉ GARCÍA (1º ESO B).

Como xa constaba nas bases do concurso, a partir dos principais fundamentos existentes nestas dúas ideas gañadoras, elaborouse o actual logotipo que se presentou ao noso Consello Escolar para a súa aprobación e, no seu caso, para a súa divulgación e utilización en documentos do centro.

A imaxe resultante quere simbolizar, en primeiro lugar, que somos un centro educativo, representado neste caso polos dous C, un dentro do outro, buscando un enfoque construtivo, en actitude de “acollida” e entendemento, deixando un camiño definido de entrada á comprensión e ao diálogo. A cor vermella alude á fisionomía propia do centro, e a tuia, situada na entrada do noso recinto, está aquí utilizada como símbolo do crecemento físico e intelectual que experimenta o noso alumnado no paso polas nosas aulas.
O noso logotipo posúe unha letra sinxela e estruturada na cor azul cián corporativa da Xunta de Galicia.

No hay comentarios: