![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEj_TW9VpwkLmSdBVqp39N5h6aVICuESvUNu-bMOhN_WDSq282tKgvV9KRK-xG8le4-mXtWWKg56ZCmF_nS6s6DVw_D8IKdNwtdOp0fCCD6JY1FTfsiP5C53GBjyKhF0Mh4dGftjIxXfDg/s400/C%25C3%258DES+2011+2.jpg)
![](https://blogger.googleusercontent.com/img/b/R29vZ2xl/AVvXsEg_FHM-NCZGfRWgztEaNJ65JQNzgo1DdOazKmLGurCqBc65fBl1xjCrk4TNtNE-rSY48crkpi7CgoerGn-xY2du1Iy5Kw67qEAcDmzUoPHpyMxTweWvU8e_cJdeniggN5wO7xD6lBFPAQ/s400/C%25C3%258DES+2001+1.jpg)
Non podía faltar. Sen a xa arquicoñecida excursión ás illas Cíes non se dá por rematado o curso no IES CARLOS CASARES. É xa unha tradición que vai pasando de alumnos a alumnos. O xoves 23 de xuño deste ano, organizado pola Vicedirección do centro e con afluencia masiva da comunidade educativa, sobre todo de alumnado, do que asistiron 273, así como de persoal administrativo, conserxes, persoal da limpeza e da cafetería conquistamos en bloque as illas. O obxectivo era pasarmos un día xuntos en semellante paraxe natural, de beleza paisaxística inigualable. O que si notamos é que se vai perdendo ano a ano aquel espírito deportivo e andareiro co que naceu esta actividade. A xente anda con poucos folgos xa ao final de curso, debe ser polo tempo dedicado aos exames finais, abofé, e poucos son os que, con afouteza, gañan o cume do faro grande. Os máis, seica por lesións deportivas, por indisposicións pasaxeiras ou por depresión postexames, males dos que non dubidamos padezan, quedan tombados na branca e aveludada area na procura da saúde perdida durante o duro curso que remata.
Bañar bañámonos, nesas que din seren das mellores praias do mundo (?!). Xogamos, divertímonos, queimámonos co sol... Unha ledicies!