domingo, 31 de julio de 2011

CONCISA CRÓNICA DA VIAXE A COIMBRA. ABRIL 2011



Antes de entrar en detalles, convén lembrar como grandes impulsoras da viaxe as alumnas SALGO e ANTÍA, de 1º ESO B, cuxo interese en que a excursión chegase a bo termo foi loable.

Tras unha entrevista cos pais dos asistentes e os profesores acompañantes, Ángel e Benedicto, na que se lles explicou con todo detalle traxectos, visitas e aloxamentos, quedou confirmada a excursión.

Chegado o día, saíuse ás nove da mañá, hora española, cara a Coimbra, cunha curta parada nunha área de descanso da autoestrada para evacuar e repor humores corporais. E continuouse viaxe.

E xa que se ían visitar restos da cultura romana —Bendito sexa Alarico que nos librou de semellantes tiranos!!! —, decidiuse seguir a máxima latina de "Primum vivere, deinde philosophare" —primeiro vivir, despois filosofar— e así, ao chegar a Coimbra fomos dereitiños a ver o Xardín Botánico, de estilo romántico inglés, e a saudar ao gingko bilova, como árbore pretérito que é e a sacar fotos... e veloces baixando a rúa Quebracostas cara á rúa central de Coimbra camiño da Adega Paço do Conde, onde os viaxeiros repuxeron forzas coa inxesta de manxares conímbrigos cales a chanfana, a corvina, a espetada de vitela, ou lulas grelhadas, pedindo cada un o que lle apeteceu, pero compartindo cada ración cun compañeiro, co que comeron barato e abondo, xa que algún dixo sentirse no convite dunha voda... Entre 2 e 4 euros por barba e diadema pagaron.

De alí foise a Conímbriga, onde os gardiáns vixiaban para que non se invadisen os terreos acoutados... Case nos fundimos todos da calor que superaba os 30º, e Benedicto con sudadeira e sufrindo un ataque de lumbago, mitigado polo Flogoprofén (etofenamato en xel, man de santo!), pócima milagreira, e Ángel cargando cun equipo fotográfico magnífico, coa inesperada sorpresa de que a batería estaba descargada, o que o facía inservible. E pesado e incómodo carrexo baixo aquelas calores.

Alí xurdiu a confusión horaria, que se é esta hora que se a outra, e desperdiciouse a ocasión de ir á Sinagoga de Tomar, a 18 quilómetros de onde estabamos, e admirar o sistema acústico feito a base de ánforas invertidas nas esquinas e coñecer algo máis de Abraham Zaccuto, o mestre de Colón e asesor nos seus periplos oceánicos.

Regresouse a Coimbra, e dedicouse un tempo a apousentarse no hotel Ibis, moi ecoloxista, cuartos modestos pero agradables, baldosas no cuarto de baño que tras mollarse á saída da ducha convertíanse en auténticas pistas de patinaxe, carteis lembrando e animando á reciclaxe, e aforro cunha soa porta que ao pecharse en sentido diverxente servía para illar o vestíbulo do dormitorio, unha soa porta e dous linteis en ángulo recto.

Poderemos referirnos a este hotel como o hotel das sorpresas.

Primeira sorpresa, frialdade e desapego á xente española por parte do persoal de recepción, un tanto túzaros; segunda sorpresa, práctica por parte dos recepcionistas da arte de Rinconete e Cortadillo, os cacos madrileños lembrados por Cervantes, que se non andamos listos denunciándoos na comisaría de policía o bo de Ángel queda sen o seu magnífico e custoso equipo de fotografía —de cuantioso valor funcional, sentimental e crematístico—, tras aconsellarlle eles que non o deixase no dormitorio, pois llo poderían roubar, e queda en custodia gratuíta en recepción... de alí volatilizárase por arte de encantamento e só unha denuncia na comisaría de Coimbra ao día seguinte fixo que por milagre aparecese...

Déuselle renda solta á primavera estudantil e pasárono de marabilla correteando e vociferando cal españois pola rúa peonil central, Fernão de Magalhães, mentres a calor era mitigada polos profes e chofer no café Santa Cruz, estraño edificio dos anos 20 do pasado século, con aires de sinagoga, e ábsida con frescos esotéricos do sol e da lúa, hoxe tapados coa reforma efectuada no local en 2002, as súas mesas de madeira hexagonais, os seus nervios do teito a modo de pechinas e con rosetas na súa parte central ao estilo manuelino, a modo de artesonado, as súas portas con celosías no lado esquerdo a modo de xineceo para poder seguir as mulleres o rezo talmúdico, os seus glifos da fachada a modo de gardiáns... Eran malos tempos aqueles cunha Alemaña xerarquizándose con sentimentos antisemitas e quedou en restaurante do corpo, sen que haxa constancia pública de se serviu tamén para alimento de mente e espírito de modo e liturxia ladina.

Tras este asueto, os viaxeiros fóronse a cear ao restaurante citado.

E comezaron as sorpresas...

Ao regresar ao hotel, cumpridos os horarios previstos por todos os alumnos, dinlle ao profesor Ángel que alí non hai ningún equipo fotográfico, o que lle provoca cabreo e desgusto, e o colega Bene dille que agarde ao día seguinte tras colaborar con el na reclamación verbal en portugués e español... Os alumnos mentres tanto na súa salsa... internet gratis na parte nobre do hotel —hall—, e enchendo o bandullo de froitos secos ata baleirar os tubos que os contiñan, pois se xustificaron dicindo que eran de balde xa que alí dicía Snacks free for your drink —picoteo gratis coa súa bebida —, e como eles non bebían, pois quedaban co de free snacks e todos cheos de razón e repetían unha e outra vez... E logo din que os alumnos españois teñen dificultades coas linguas estranxeiras... free, gratis, aquí e na China e o demais non importa, como na aula... concepción selectiva e práctica das linguas foráneas.


Tras unha noite tranquila, baixaron a almorzar e sendo o buffet libre bastante variado e apetitoso cadaquén cumpriu cos seus desexos en variedade e cantidade... E outra vez a discutir en portugués e español cos recepcionistas... ata que un diálogo cruzado entre Benedicto e Ángel, en voz queda e ameazando cunha denuncia ante a Policía fixo que o cruzamento de miradas entre eles presaxiase a aparición do equipo. Interpúxose a denuncia e tras asinala na propia Policía dixéronlle ao bo de Ángel que o hotel chamara á comisaría dicindo que xa aparecera o equipo. Ángel foi recollelo e esixíanlle unha carta de desculpa e que a levase á comisaría, ao que Ángel se negou, recolleu o equipo e reintegrouse á excursión. Aínda por riba!

Mentres tanto os viaxeiros sufrían a crise económica portuguesa. Un subalterno pretendía cobrarlles aos alumnos 4,5 € por visita e concederlles unha hora se pagaban. O profesor decidiu que non, que a achega económica do alumnado non sanearía as contas da Universidade e que sempre entraran gratis, e que non merecía ese dispendio o que se ía ver e podía apreciar gratis en internet... Reiníciase o camiño cara ao Museo de Física, en obras, e cunha soa sala aberta ao público e a pesar da amabilidade coa que se nos recibiu, e a rebaixa de 2 a 1 € por visitante que se nos facía —os alumnos portugueses pagan 2 €— non se entrou, xa que os rapaces estaban un tantico adormiladetes e o tempo botábasenos enriba, pois tiñamos que xantar e saír a fume de carozo para Porto.

E xantouse. E ai!..., Cupido xogounos unha mala pasada e unha parella que gozaba de ruada por Coimbra paseando amorosamente collidos da man, atrasou a viaxe hora e media, que foi o que tardaron os dous ruliños en ir comprar unha saia no Pull and Bear de Zara, coma se esa tenda non a houber en Vigo. Ah, o amor...! "L'amour fait passer le temps, le temps fait passer l'amour" —o amor fai pasar o tempo, o tempo fai pasar o amor, dicía o bo do abate Breuil... —. E mentres tanto cada minuto era unha espada e o Bene empezaba a acordarse de todo o panteón conímbrigo, pois se chegaría á adega á hora do peche cuxa visita estaba prevista.

Chegamos a Porto e novo encontro coa crise. Autorizados a visitar a adega Calem, de NovaCaixaGalicia, pero pagando... Negámonos e buscamos a correspondencia entre eles e nós reservando e concedendo visita gratis; aclarouse e así a fixemos, de modo gratuíto e amable, na que un guía grego nos mostrou e explicou de modo sinxelo todo o proceso de fabricación do “vinho do Porto”, os medios de transporte en rabelo, e ao final convidounos a unha discreta e minguada cata de branco e tinto, exquisitos. Pero como as regras son moi estritas tanto por parte portuguesa, que non autoriza a ninguén menor de 16 anos a probar o viño, e as nosas que a desautorizan a menores quedou en exigua cata para os adultos e profusa e abundante cata de auga fresca para as alumnas doceañeras, servida por Nicole, unha linda e agradabilísima empregada das adegas. Como di o refrán árabe, "Non hai maior pracer que un grolo de auga fresca no deserto"... Que calor!... Abrasaditos que íbamos, malia o frescor da adega.

E iniciouse o regreso a Vigo, rexeitando a parada en Viana do Castelo, por se se volvía confundir a hora do reencontro e da partida, xa que ao día seguinte había que volver a clase.

Aconséllovos para que viaxedes connosco, aínda que sexa de modo virtual:
http://es.scribd.com/doc/12792398/conimbriga
http://www.minube.com/fotos/rincon/7154/45779
http://www.elrinconcitodevicentico.com/portugues-rabacal-coimbra.html
http://www.cafesantacruz.com/cafe.html
http://www.calem.pt/

BEN ANDRESSAN

No hay comentarios: