domingo, 31 de julio de 2011

VIAXE A BARCELONA DOS 1os. BACH



O día 8 de abril, os alumnos de 1º de Bacharelato, acompañados polas profesoras Almudena e Sandra, marchamos de excursión a Barcelona. Por fin (case un mes despois do previsto ao principio) chegou o día, pero tantas ganas non debían ter as profesoras cando saíron da casa. Vale que era cedo e que o tráfico hoxe en día está fatal, pero que as últimas en chegar fosen as profesoras ten o seu aquel (e non pensedes que chegaron dous minutiños tarde, non….). Ata o home da axencia de viaxes estaba desesperado!
Ao chegar a Barcelona, deixamos as maletas no hotel e fomos comer. Pola tarde visitamos a Pedrera, que é unha casa construída por Gaudí para unha familia moi importante de Barcelona no seu tempo. Foi unha visita bastante rápida e saudable, polo de subir moitas escaleiras. O peor foi esperar polos que quedaron na tenda de recordos (máis que ir a comprar un agasallo pareceu que estaban a facer os planos da casa). Ao saír dividímonos: uns foron ao Camp Nou e outros ao Museo Picasso. Seica o Camp Nou é bonito e pasárono ben. O Museo Picasso mirámolo rapidiño porque estaba a piques de pechar (iso si, non separamos o grupo en ningún momento, baixo ameaza de expulsión vitalicia).
Como xa era hora, marchamos ao hotel a cear e despois … FESTA! As profesoras non ían ser menos e sumáronse á festa. Sandra tardará moito tempo en esquecerse das “bailarinas exóticas”.
O sábado levantámonos e despois de almorzar marchamos cara a Figueres. Despois de dúas longas horas de autobús, chegamos a Figueres e entramos no Museo Dalí onde estivemos outras dúas longas horas. Miramos cadros, ovos, unha maneira pouco usual de decorar unha casa e ata unha escultura dun paraugas enriba dun barco sobre un coche, ao que lle chovía dentro, tirado por unha muller cuns quiliños de máis (unha cousa incrible!).
Ao saír comemos por Figueres e algúns fixeron algunhas compras. Pola tarde volvemos a Barcelona e visitamos o Museo da Ciencia que, a min persoalmente, pareceume bastante entretido. Entramos nunha exposición de dinosauros, noutra sobre reciclaxe, “repasamos” algunhas cousiñas de bioloxía e física e entramos nunha recreación dunha selva tropical onde había bichos que non volveremos ver xamais.
Ao saír do museo dirixímonos ao hotel a cear e, como era sábado, outro pouquiño de marcha para o corpo. Crédeme se vos digo que moitos recordarán esa noite toda súa vida.
E como di o dito: “Noites alegres, mañás tristes”. O domingo pola mañá non había quen se erguese. Pero tocaba seguir co plan, que era paseo pola cidade entrando na Sagrada Familia con visita guiada, coñecer as Ramblas e o Barrio Gótico pola mañá, pola tarde o Parque Güell, que é un parque enorme dende o que se pode ver Barcelona enteira, decorado por Gaudí. Asegúrovos que non sei como percorremos o Parque Güell coa dor de pés que tiñamos todos (menos as dúas profesoras, que parecía que non se lles esgotaban as pilas nunca).
Afortunadamente ese día chegamos cedo ao hotel e descansamos antes da cea que consistiu nunha salchicha de tamaño desproporcionado con fabas, un prato non apto para todos os estómagos.
O luns era o día que todos agardabamos con impaciencia; era o día que nos tocaba ir ao parque de atraccións de Port Aventura que está bastante lonxe de Barcelona e fomos en autobús. Creo que nesa viaxe o único que non quedou durmido foi o condutor, afortunadamente!
Pasamos o día enteiro dentro do parque: montamos en case todas as atraccións varias veces, menos nunha montaña rusa que só abriu un pouco tempo todo o día na que tres afortunados do grupo puideron montar. Aos demais recordarannos ese momento o resto dos nosos días. Outros vestíronse de época e sacáronlles unas fotos ben bonitas, bailamos durante o xantar, mareámonos, mollámonos e fixemos concursos para ver quen poñía a cara máis fea nas fotos que che sacan durante as atraccións.
Chegamos ao hotel xusto para a cea molidiños de todo. Aínda así, foi unha derradeira noite espectacular.
E como todo o bo remata, chegou o día de volver a casa, pero aproveitamos moi ben a mañá, facendo algunhas compras ou visitando partes da cidade que non nos dera tempo a ver nos outros días. Pola tarde, despois de superar algúns problemas cos DNI, subimos ao avión e cando chegamos a Vigo xa era noite.
Xa para rematar engadirei, como opinión persoal, que Barcelona é unha cidade fermosa, pero, hai que recoñecelo, Port Aventura foi impresionante e como unha das mellores atraccións do parque estaba pechada, imos ter que facer outra viaxe para quitarnos esa espiniña que, a maioría, temos cravada.
Grazas por todo, Almudena e Sandra!

CANDELA CRESPO CASTRO (1º BACH D)

No hay comentarios: