viernes, 15 de julio de 2011
INTERCAMBIO EPISTOLAR COA ESCOLA BÁSICA MURALHAS DO MINHO, DE VALENÇA DO MINHO
O curso pasado, organizado polo Equipo de Normalización Lingüística, fixemos un intercambio epistolar cun centro de Ensinanza Secundaria de Valença do Minho. Estivemos varios meses mandándonos cartas entre nós, coñecéndonos e contando como era a nosa forma de vida. Despois de todo ese tempo fomos coñecelos cara a cara ó seu centro.
Ao chegar á súa escola, presentámonos e logo ofrecéronnos un pequeno concerto de música moderna portuguesa. De seguido ensináronnos o seu centro que, en comparación co noso, era enorme. Ao rematar, fomos visitar as murallas de Valença, asesorados por un guía da casa consistorial especialista en historia, e visitamos tamén un museo que contaba a historia desta fermosa vila, maqueta xigantesca incluída. Para xantar leváronnos a un parque preto do río Miño, no que despois fixemos xogos tradicionais, como o xogo de tirar pola corda, atopar mazás en recipientes cheos de fariña… Por último, despedímonos na entrada da súa escola.
De volta, cando eles viñeron a Vigo, o plan do principio que tiñamos era: en primeiro lugar ensinarlles o instituto, despois visitar o campo de Balaídos e de seguido ir ó museo de historia de Pontevedra, e para rematar, ir xantar a Baiona. Pero o tempo xogounos unha mala pasada e tivemos que suspender o xantar na Virxe da Roca en Baiona, xa que empezou a chover a cántaros. En lugar diso xantamos na cafetería do instituto, alí, gorecidos, cantamos, falamos e pasámolo en grande.
Esta foi unha grande experiencia, xa que ao prinicipio custábanos entender as cartas, polo idioma, pero despois foise facendo máis doado. Á parte, esta fora a primeira vez que se facía un intercambio epistolar cunha escola de Portugal, polo que nos sentimos orgullosos de que nós fósemos os primeiros en facelo.
MARA MÉNDEZ GARCÍA (4º ESO B)
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario