domingo, 2 de junio de 2013

TEATRO PROFESIONAL NO ICC: "A FILLA DE WOODY ALLEN", DE IBUPROFENO TEATRO



Organizado pola BIBLIOTECA e en colaboración cos departamentos de HISTORIA, CASTELÁN e GALEGO, a compañía profesional IBUPROFENO TEATRO representou no noso centro a obra A FILLA DE WOODY ALLEN.
Serviu tamén esta representación a modo de homenaxe polas Letras Galegas, dedicadas este ano ao noso dramaturgo ROBERTO VIDAL BOLAÑO.

Esta compañía, formada fundamentalmente por MARIÁN BAÑOBRE e mais por SANTIAGO CORTEGOSO, obtivo os galardóns de "mellor actriz" para Marián e "mellor texto orixinal" para Santiago nos PREMIOS MARÍA CASARES 2013.
A obra que representaron, pola súa banda, foi finalista nos PREMIOS MAX DE TEATRO no ano 2011, pouco despois da súa estrea.
A representación, XENIAL!!!


Moitos de nós estabamos poñéndonos na situación da actriz e sufriamos por ela: un apaixonante monólogo de 70 minutos, en moitas ocasións de trepidante ritmo, que soportou ela soa no escenario. Os cambios de ritmo, os diferentes gags, as diferentes personalidades e matices do personaxe fixeron tremendamente ameno o monólogo, entre outras cousas porque semellaba que eran varios personaxes os que poboaban o escenario.
O noso alumnado tivo ocasión de ver teatro do bo, teatro representado por auténticos profesionais.
A obra é un continuo guiño á personalidade de Woody Allen, un percorrido pola súa vida e pola súa obra, pero non cumpría saber nada desta estrela do cine, nin ter visto as súas películas, nin como actor nin como director; a obra ten sentido de seu, malia alguén non saber sequera quen é Woody Allen.
Á parte do total respecto do alumnado durante a representación (non se escoitaba un chío, nin nas pausas do diálogo), algo que foi encomiado pola actriz e mais polo propio director da obra, a obra e a representación entusiasmaron a un público totalmente entregado que pagou cunha longuísima e inacabable ovación, en pé, a entrega de Marián no escenario. Algúns abraiaron coas longas e interminables volteretas sobre si mesma coas que remataba a obra.


Quedou pouco tempo para o diálogo e para as preguntas, pero algúns e algunhas tiveron sorte e puideron escoitar as respostas duns auténticos profesionais do noso teatro.

GRAZAS, MARIÁN e SANTIAGO pola expléndida velada! Agora xa sabemos o que é ver teatro "de verdade".

No hay comentarios: