miércoles, 12 de febrero de 2014

A TUIA XA NON É NOSA





Era unha tuia a un instituto pegada
era unha tuia, agora non é nada.
Era unha tuia por todos admirada
era unha tuia, agora xa non é nada.

Pois si, queridiños, aquela árbore grandeira que desde a estrada xa se enxergaba,
pegada ao instituto
e que no seu logo sempre destacaba,
FINOU,
deixou de ser tuia, deixou de ser testemuña da nosa historia.
Ela coñecía todo o alumnado e todo o profesorado que diante dela pasaba, era a memoria viva do noso instituto
FINOU.
Pero non esteades tristeiros, cando algo remata, algo comeza, e hoxe temos un
CUPRESSUS LEYLANDII
a carón do toco da tuia
que medrará
que será de novo testemuña
dos vindeiros alumnos
dos vindeiros profesores
e de novo gardará na súa memoria
o mellor da nosa historia.

2º DE ESO NA NEVE


PROFESORADO ACOMPAÑANTE:
ALEJANDRO (EDUCACIÓN FÍSICA)
JOSÉ MORAL (TECNOLOXÍA)





















   












 O día tres de febreiro, ás nove da mañá, estabamos impacientes pola chegada do autobús con destino a Leitariegos. A viaxe en bus estivo chea de risos e de bos momentos. Fixemos dúas paradas, unha nunha cafetaría para descansar e comer a merenda de media mañá e, máis tarde, nunha vila para almorzar.
Ao chegarmos, a paisaxe pareceunos preciosa. Todo era branco, impresionante. Entramos no albergue e repartiron os dormitorios. Deixamos as cousas, despois déronnos os esquís, os cascos e as botas e fomos xogar á neve. Fíxose de noite moi cedo. Déronnos tempo para ducharnos e fomos cear. Logo da cea fixemos a nosa primeira velada nocturna, na que falamos de todo o que iamos facer durante a nosa estadía. Ao acabar, sobre as doce da noite, mandáronnos ir durmir.
Ao día seguinte levantámonos, puxemos a roupa e ensináronnos a poñer as botas, que non eran nada cómodas. Fomos almorzar e saímos cara á estación de esquí. Alí aprendemos a poñer os esquís e a deslizarnos pola neve. Despois fomos comer e pola tarde xogamos cos monitores. Logo dunha xornada intensa fomos cear. Máis tarde fixemos outra velada nocturna na que xogamos ao “Chini Chino”. Ao principio pensamos que nos estaban tomando o pelo, pero despois resultou moi divertido. Ás doce, coma sempre, tiñamos que ir durmir. Deixábannos falar pero en baixo, aínda que saímos dos cuartos para estar con máis xente.
Chegou o terceiro día e fomos esquiar pola mañá. Pola tarde visitamos unha vila preto da estación de esquí. Alí fixemos un xogo dirixido polos monitores. Este consistía en preguntarlle á xente sobre animais, comidas típicas e outros temas da zona. De regreso comezamos outro xogo que consistía en evitar dicir unha palabra prohibida. Cada día había unha palabra nova. Aquel que a dixera debería levar unha pinza e, ao final de todos os días, facía unha proba. Cando chegamos ao albergue, fixemos bonecos de neve e despois a nosa xa habitual velada nocturna.
O xoves comezou o día con moito vento e non puidemos ir esquiar. Fixemos un paseo con raquetas de neve. Custounos chegar arriba, pero valeu a pena. A paisaxe era espectacular, chea de montañas con moita neve. Pasou moi rápido e chegou a hora de comer. Pola tarde, xa que escacharan as ventás do bus debido ao vento, vimos una peli na sala común e máis tarde ceamos e fixemos a velada nocturna. Nesta ocasión cada dormitorio debía realizar unha actuación consistente en cantar, bailar, etc.
E chegou o último día. Espertamos e, por primeira vez na semana, puidemos subir ás pistas. Ensináronnos a coller o telecadeira e subimos. A pista era enorme, comparada coa de abaixo, que era a que nós coñeciamos. Ese día aprendemos tamén a coller o telesquí e subimos polas pistas. Estivemos alí toda a mañá facendo carreiras. Despois comemos, vimos unha película e emprendemos viaxe de volta cara ao instituto de novo. Desta vez a viaxe foi máis silenciosa xa que había xente durmindo. Chegamos, despedímonos dos monitores, collemos as maletas e marchamos cara ás nosas casas.
Todo o bo ten un final.
Mª ISABEL ESTÉVEZ DOMÍNGUEZ
ANDREA GONZÁLEZ ALONSO (2º ESO A)

2º ESO NO MUSEO DO MAR: "O MUNDO SUBMARINO"






Os pasados días 16 e 17 de xaneiro o profesor JOSÉ MORAL acompañou os 3 grupos de 2º da ESO a unha visita cultural ao Museo do Mar.
Nesta actividade coñecimos as dististas formas empregadas polos seres humanos ao longo do tempo para conquistar o mundo submarino. Coñecimos as técnicas empregadas xa polos romanos para mergullárense nas profundides marinas e como estas técnicas foron evolucionando co paso do tempo.



O día 16 de xaneiro de 2014 os alumnos do IES Carlos Casares de 2º A e 2º C da ESO fomos visitar o Museo do Mar, situado na Avenida Atlántida, 160 da cidade de Vigo.

   Este museo representa a importancia do mar e da pesca na vida de Galicia.

   Unha vez alí sepáramonos en dous grupos: os de 2º C dedicáronse a observar e adquirir novos coñecementos sobre a cultura mariñeira galega e os de 2º A visitamos a parte dedicada ó submarinismo.

   Primeiro pasamos ao acuario. Alí atopamos moitas especies galegas: sargos, mexillóns, fanecas, raias, maragotas...

   Máis tarde, ensináronos diferentes traxes de mergullo e un submarino.

    Ao final vimos o esqueleto dun cachalote femia antes de volver. Foi unha visita moi didáctica e divertida para todos nós.
  
JAVIER RÍO CARBALLEDA 2º ESO A.




lunes, 10 de febrero de 2014

NAMÓRATE NA BIBLIOTECA













O GRUPO DA BIBLIOTECA organiza este curso distintas actividades relacionadas co DÍA DE SAN VALENTÍN:

1) Adorno do espazo da biblioteca con motivos relativos ao amor.

2) Exposición de poemas de amor escollidos polo profesorado.

3) Concurso de cartas de amor redactadas por alumnado de 4º da ESO. O propio día de San Valentín realizarase a votación por parte do alumnado.

Tiveron moi boa acollida estas actividades, a xulgar pola participación tanto do profesorado como do alumnado.



domingo, 9 de febrero de 2014

XA SABEMOS ELABORAR CREMA HIDRATANTE!

ELABORACIÓN DE CREMA HIDRATANTE EN 1º ESO C





O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo organizou esta actividade á que asistiu alumnado de 1º ESO.

O xoves 22 de novembro, o alumnado de 1º C, acompañado pola súa profesora de Ciencias MARTA FREIJEDO, tivo a oportunidade de aprender a facer crema hidratante. Para isto, contamos coa axuda de Marcelo.

O obxectivo da actividade foi ensinarnos que podemos facer todo tipo de cremas e cosméticos de forma natural e sinxela.

Necesitarás:

-        Aceite (podes empregar de améndoas, de aceite, de xirasol...)
-        Auga (mellor destilada)
-        Cera de abella
-        Aroma de limón (podemos empregar outro aroma)

Preparación:

Dependendo da túa pel, terás que empregar distintas porcentaxes de auga e aceite. En dous recipientes, metes nun a auga, e noutro o aceite e polos ao “baño María”, a menos de 75ºC. Cando xa estean algo quentes, engades ao aceite a cera de abella, e remexendo, esperas ata que se derrita por completo, e obteñas unha mestura homoxénea. Nese momento, déixaos arrefriar e vertes os líquidos nun bol, que á súa vez meterás en auga fría.

Con coidado, bates ben os ingredientes e engades o aroma. Non deixes de remexer. Quedarache unha mestura homoxénea, que terás que meter no frigorífico. Ao día seguinte, xa terás a túa crema lista.


Lembra que non empregamos ningún tipo de conservantes, en consecuencia, só durará unhas semanas.

CLAUDIA ÁLVAREZ e JULIA VILLASUR (1º ESO C)


viernes, 7 de febrero de 2014

O NOSO RAÚL ALONSO (2º BACH E) FINALISTA DA OLIMPIADA GALEGA DE MATEMÁTICAS

Raúl Alonso Rodríguez. // Marta G. Brea


Non por ternos afeitos a estas excelencias deixa por iso de nos sorprender. O noso brillante alumno RAÚL (2º Bach E) volve quedar este curso entre os tres finalistas que participarán na Olimpiada Matemática do todo estado español representando a Galicia. Neste mes en que andamos celebrarase a fase final a nivel de estado, en Requena (Valencia). Os seis finalistas desta fase acudirán á Cidade do Cabo (Sudáfrica) para participar na fase internacional da olimpiada.

Consigas o que consigas, benquerido Raúl, para o noso centro é todo un orgullo xa termos entre o noso alumnado.

Moita sorte!




Raúl Alonso Rodríguez. // Marta G. Brea


miércoles, 15 de enero de 2014

PROXECTO MONTENTÉRATE. CHARLA DA COMUNIDADE DE MONTES DE BEMBRIVE



O pasado venres 22 de novembro e dentro do PROXECTO MONTENTÉRATE, veu dar unha charla ao instituto unha rapaza que pertencía á COMUNIDADE DE MONTES DE BEMBRIVE, dependente á súa vez da ENTIDADE MENOR DE BEMBRIVE.


Tratou varios temas. Comezou falándonos dos cometidos que leva a cabo a comunidade de montes. Falounos despois do problema das estremas, lindeiros ou fitos, de como hai que ilas repoñendo e remozando para que sirvan de referencia. Comentou tamén a progresiva degradación do monte debido á construción de vías de comunicación como estradas ou autoestradas e como desde a súa entidade intentan paliar estes efectos negativos con repoboación de árbores autóctonas, nomeadamente de castiñeiros. Entre outras actividades que levan a cabo está a limpeza dos montes, a acomodación dos camiños, as podas...
Todas estas actuacións da entidade foinas amosando a través de fotografías.


Por último falounos da fermosa ruta do río Eifonso, duns seis quilómetros de percorrido, onde aínda se conserva unha enorme variedade de vexetación autóctona, así como de fauna. Falounos da beleza dos antigos muíños e fervenzas, da capela de San Cibrán, da súa carballeira e da sonada Festa dos Ramallos que alí se celebra todos os anos.





ANDREA ARAÚJO, NOELIA LAGO, ADRIÁN SÁNCHEZ, JUAN M. RODRÍGUEZ, SERGIO PÉREZ, JOSÉ M. RODRÍGUEZ e JAVIER ESTÉVEZ (3º ESO)