viernes, 8 de junio de 2012

TEATRO EN INGLÉS




O luns día 6 de febreiro os alumnos de terceiro e cuarto da ESO xunto cos de primeiro e segundo de bacharelato tivemos a oportunidade de asistir a unha obra de teatro en inglés no auditorio do instituto. Os actores, dous homes e unha muller cun fantástico acento inglés, fixeron todo o posible por ternos entretidos con tres sketchs moi divertidos, que recollían diversas perspectivas sobre o amor. O primeiro dos contos facía referencia ao xa coñecido romance entre Cleopatra e Marco Antonio; o segundo achegábanos a unhas irmás da campiña inglesa desexosas de atopar o seu amor verdadeiro e no último, o roubo dun sobre de contido secreto e a súa busca foi o principal fío argumental que se sumou ao anterior.

Non se pode falar desta obra sen facer referencia a un elemento, cando menos curioso, que as conectaba: Justin Bieber. Así dito pode soar moi estraño, e de feito penso que ninguén dos que alí estabamos se imaxinaba que Marco Antonio podía rematar bailando o famoso “Baby, baby ...ohh”deste homiño. Agora ben, pasados a impresión e o chiste do primeiro momento, fíxose repetitivo ata a saciedade, dende o meu punto de vista.

De todos os xeitos, fixéronnos pasar bos momentos, ademais de perder unha clase, e fíxonos poñer en práctica todos eses coñecementos que temos sobre a lingua dos “guiris”.


CANDELA CRESPO CASTRO (2º BACH D)

No hay comentarios: